publicidade hoxe

A Casa da Cultura acollerá a presentación do libro CD “Amadeo Goyanes e as Zanfoneiras de Monforte”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonforte de Lemos
A-
A+

En 2015 cúmprese o centenario do nacemento do monfortino Amadeo Goyanes Vázquez e o XX aniversario do seu pasamento. Un momento no que deterse para afondar no coñecemento dunha figura clave e fundamental na música tradicional galega e particularmente no movemento de rexeneración da zanfona en Galiza, onde foi todo un pioneiro.

Por iniciativa de aCentral Folque e grazas ó apoio do Concello de Monforte e da Área de Cultura da Deputación de Lugo púidose dar forma a unha demorada e exhaustiva investigación sobre a vida e a obra de Amadeo levada a cabo polo afamado Pablo Quintana que agora ve a luz.

Este traballo na súa forma definitiva de libro (con CD) “Amadeo Goyanes e as zanfoneiras de Monforte” será presentado na Casa da Cultura de Monforte o vindeiro mércores 1 de abril ás 20:00 h. A xornada contará cun concerto de Tobie Miller + Dúo Fdez&Quintá e a presentación do libro co autor Pablo Quintana, o coordinador da serie Chave Mestra, Ramon Pinheiro Almuinha, o responsablel de Cultura da Deputación Provincial, Mario Vázquez e a concelleira de Cultura de Monforte, Pilar López.

Aproveitando a efeméride do centenario do seu nacemento e XX aniversario da súa morte, aCentral Folque pretende salientar o traballo fundamental dun persoeiro que fundou a primeira escolanía de Zanfonas de Galicia, construtor humilde e mestre gaiteiro e de zanfoneiras.

O resultado é un libro con CD cun detallado texto sobre a vida e o traballo musical de Amadeo Goyanes, ameno e curioso para tódolos públicos: partituras editadas para os músicos e especialistas da zanfona e un disco compacto no que se encontran inéditos de Amadeo Goyanes. Ademais deses históricos rexistros, graváronse especialmente para esta publicación músicas do seu repertorio e novos temas saídos da factoría da aula de zanfona da Escola Livre da MPG sita en Santiago de Compostela, atendida polo prestixioso zanfonista Óscar Fernández, no que pretende ser unha homenaxe ás zanfoneiras de Monforte, a primeira escolanía de Zanfonas de Galicia impulsada por Amadeo Goyanes.

Neste acto central de homenaxe a Amadeo no seu centenario non pode faltar a música de zanfona. Será a actuación de dúas destacadas referencias a nivel galego e internacional. Por unha banda o mestre da Escola Livre da MPG, Óscar Fernández, acompañado ó acordeón por Carlos Quintá, que interpretarán algunhas melodías tradicionais e de autor, con especial atención ó repertorio rescatado do propio Amadeo Goyanes. Para pechar a xornada no que pretende ser unha homenaxe as Zanfoneiras de Monforte convidamos á intérprete feminina máis recoñecida do mundo, a canadense Tobie Miller, virtuosa do instrumento que actuará como solista por primeira vez na Península, presentado o seu último traballo “Journeys”.

AMADEO GOYANES

Amadeo Goyanes Vázquez (Monforte, 1915 – 1995) ligouse á música tradicional desde mozo, combinado esta afección co seu oficio de carpinteiro. Tras a guerra civil, na que resultou ferido, estabeleceuse en Monforte, pasando a traballar como ferroviario. Por motivos laborais durante a década dos corenta é trasladado a Valladolid, onde entra en contacto con Faustino Santalices, tamén destinado na localidade. Aproveitando o seu coñecemento do oficio de carpinteiro, aprende de Santalices os segredos da fabricación das gaitas e toma contacto por primeira vez coa zanfona.

Nos anos posteriores xubílase e comeza a formar o seu propio obradoiro, dedicándose profesionalmente á fabricación de gaitas e percusión tradicional. Alén da súa participación en grupos de gaitas, como no caso de Agarimos, comezou a desenvolver un interese crecente pola zanfona, da cal chegou a facer uns primeiros exemplares seguindo os modelos de Santalices. Cunha elaborada por el mesmo comezou a realizar concertos de solista, un dos primeiros en 1968 nas Xornadas Folclóricas de Portomarín. O interese pola divulgación do instrumento fixo que a fins dos sesenta comezase a ensinar unhas nocións musicais a un reducido grupo de mozos e mozas. Desta experiencia sairía o grupo As Zanfoneiras de Monforte, conxunto feminino de tanxedoras que realizaron algunhas actuacións pola xeografia galega.

Temos constancia da súa participación nas vodas de prata do coro compostelano Cantigas e Agarimos o 27 de xuño de 1971. Compartiron palco con formacións históricas como o Real Coro Toxos e Froles, a Coral De Ruada e o Orfeón Terra a Nosa. Tamén foi o responsable da cesión dos primeiros instrumentos a un grupo que comezaba a andar na altura: Fuxan os Ventos e tamén ó coñecido folcorista Joaquín Díaz, que aparece retratado cunha zanfona de Goyanes na portada do seu disco “Del llano y la montaña” (1976). Entre as actuacións mais destacadas das realizadas coa zanfona por Amadeo Goyanes, destaca a súa participación na Festa da Camelia en Pontevedra, distintos recitais en Monforte e mesmo unha actuación na TVE.

26 de marzo de 2015 | 17:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.