publicidade hoxe

A Laracha e Arteixo únense para solicitar á Xunta a organización de dous obradoiros de emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaArteixoLocal Portada
A-
A+

O Concello da Laracha volve mostrar a súa plena vontade de desenvolver políticas activas de emprego aproveitando a posibilidade que se lles abre aos municipios cos programas de subvencións que para tal fin vén de convocar a Xunta de Galicia.

Tras anunciarse a finais da semana pasada que A Laracha, Carballo e Malpica de Bergantiños promoverán o plan “Integrando 2015-2016”, nesta ocasión os alcaldes da Laracha e de Arteixo, José Manuel López Varela e Carlos Calvelo, acordaron presentar dous proxectos para solicitar a participación noutras tantas convocatorias de subvencións da Consellería de Traballo e Benestar.

Ao abeiro da orde publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado 13 de xaneiro na que se establecen as bases reguladoras das axudas para a organización de obradoiros de emprego dentro dos programas mixtos de emprego e formación, A Laracha e Arteixo presentan o proxecto do que sería o terceiro obradoiro que porían en marcha conxuntamente.

Neste caso preténdese poñer en marcha tres especialidades relacionadas cos sectores da pintura industrial en construción, instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización. A pretensión é que quince persoas por especialidade, corenta e cinco en total, sexan formadas e realicen as prácticas profesionais acometendo traballos de interese xeral en instalacións, edificios e bens de titularidade municipal.

A duración do obradoiro sería de seis meses e o orzamento total ascendería a uns 550.000 euros.

Programa para mozos de 18 a 25 anos de idade

Por outra banda, e neste caso ao abeiro da orde publicada no DOG do pasado 27 de xaneiro na que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para o fomento do emprego a través de programas dirixidos a mellorar a empregabilidade, a cualificación e a inserción profesional das persoas mozas, preséntase un proxecto de similares características ao dun obradoiro de emprego, pero neste caso dirixido a persoas desempregadas que teñan entre 18 e 25 anos de idade e que estean inscritas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil.

Os módulos a impartir serían o de operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais e o de actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería. En ambos casos trataríase dunha única etapa formativa con alternancia laboral e cada especialidade contaría con quince alumnos-traballadores, trinta en total.

Formación complementaria

En ambos programas os participantes recibirían formación complementaria sobre alfabetización informática, riscos laborais, ensino básico e sensibilización en materias medioambiental e igualdade de xénero.

Ademais, en caso de non dispoñer do título, terían a oportunidade de formarse para a obtención do graduado en ensino secundario obrigatorio (ESO).

Políticas activas de emprego

Os Concellos da Laracha e de Arteixo veñen cooperando nos últimos anos no desenvolvemento conxunto de políticas activas de emprego en beneficio de veciños de ambos municipios.

As excelentes experiencias dos dous primeiros obradoiros “A Laracha-Arteixo: colaborando polo emprego” –un deles aínda en funcionamento- permitiron a 46 persoas participar en programas formativos para mellorar a súa empregabilidade, ao mesmo tempo que percibían unha remuneración económica por tratarse de alumnos-traballadores que realizaron actuacións e traballos de interese xeral.

No caso de obterse o necesario financiamento da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, iniciaríase a través do INEM o proceso de selección do persoal que formaría parte dos obradoiros

16 de febreiro de 2015 | 19:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.