publicidade hoxe

Primitivo González impartirá a charla “Cando fomos os mellores” na Biblioteca de Fene

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFene
A-
A+

Baixo o título “Cando fomos os mellores”, o antigo enxeñeiro de Astano e ex profesor universitario da UDC, Primitivo González, impartirá unha conferencia na que repasará os tempos nos que Astano e o seu departamento de enxeñería eran referentes mundiais na tecnoloxía da construcción naval. Un relatorio que terá lugar este mércores, 3 de decembro, a partires das 20 horas na Biblioteca Municipal. A charla, á que está invitada toda a veciñanza, inclúese no programa “Fene, coa ciencia en galego”, unha iniciativa conxunta dos centros de ensino da localidade –a través dos Equipos de Dinamización Lingüística- e que conta coa colaboración do Concello de Fene – a través da Concellería de Cultura e Normalización Lingüística-.

Primitivo González é Doutor enxeñeiro naval, máster en Administración Marítima e Xestión Portuaria, Deseño Industrial e Desenvolvemento de Producto así como en Dirección e Xestión de Empresas; profesor de honra e catedrático xubilado da Escola Universitaria Politécnica en Ferrol da Universidade da Coruña. Director do Departamento de Construcións Navais de dita Universidade desde 2005 ata a súa xubilación en 2011 e fundador do Grupo de Investigación Innovacións Mariñas. Fora profesor de Instalacións Mariñas na Facultade de Ciencias do Mar da Universidade de Vigo e anteriormente director de producción e director comercial de Kvaerner Eureka Española S.A., da multinacional norueguesa KvaernerA/S en Vilagarcía de Arousa. Previamente, director técnico e director para a implantación da construcción offshore en Astano, tendo sido xefe de Enxeñería Oceánica de Imenosa e, antes, responsable da serie de buques petroleiros de 323.000 TPM para Gulf Oil Co., no Departamento Técnico de Astano, así como xefe de elaborado de aceiro en dito asteleiro, onde ingresara como alumno en 1968 e como enxeñeiro naval en 1970.

Actualmente, é membro do Grupo de Traballo sobre Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible do Colexio de Enxeñeiros Navais, e colaborador en traballos e libros publicados por dito grupo.

2 de decembro de 2014 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.