publicidade hoxe

Teo renderá homenaxa a corporación republicana de 1936 cun acto público

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaTeo
A-
A+

O Concello de Teo homenaxea este 19 de setembro á corporación republicana do ano 1936. Será nun acto público no que participarán os descendentes daqueles políticos teenses e no que estará a corporación actual. O recoñecido xurista Gonzalo Rodríguez Mourullo (Balcaide, Calo 1935) actuará de voceiro das familias por ser o fillo do alcalde daquela corporación.

A última corporación republicana de Teo, saída dos eleccións ás Cortes Xerais celebradas o 16 de febreiro, constituíuse o 16 de marzo do ano 1936. Desa corporación formaban parte os señores José Rodríguez Vázquez, José Otero Carballal, Constante Liste Forján, Constante García Barros, Ricardo Otero Lueiro, Ramón Torres Viño, José Seoane Framil, Jesús Blanco García, Santiago Balado, Juan Casal García, Ramón Parajó Tellado, José María Iglesias Boullón, Manuel Liñares Pereiro, Andrés Puente, Juan Fandiño Iglesias, Avelino Rosende Rosende e José Trazado Iglesias. Dezasete concelleiros elixidos pola cidadanía que case oitenta anos despois reciben o recoñecemento do seu Concello na figura dos actuais concelleiros.

Os acontecementos desencadeados o 18 de xullo do 36 supuxeron en Galicia e en Teo a supresión da legalidade democrática republicana e o nomeamento de novos cargos políticos. Nomeouse unha nova corporación o 19 de setembro polo que se acordou elixir esta data no ano actual para restituír aquela coporación legal, democrática e republicana.

O acto do 19 de setembro quere darlle o protagonismo merecido ás familias polo que unha das partes centrais será o discurso do fillo do alcalde republicano Manuel Rodríguez Vázquez, o xurista e escritor Rodríguez Mourullo. Licenciado en dereito pola USC obtivo o premio “José Calvo Sotelo” ó mellor expediente da súa promoción. Foi catedrático de Dereito Penal nas Universidades de Oviedo, Santiago e na Autónoma de Madrid, da que tamén foi decano. A pesares de que co tempo a súa traxectoria se centrou no campo xurídico, sendo un dos máis prestixiosos avogados penalistas de España, con dezanove anos publicou “Nasce unha árbore” e “Memoria de Tains”. Estas dúas obras sentaron as bases dunha fonda renovación na literatura galega que deu orixe á chamada Nova Narrativa Galega.

Na sesión de xullo de 2014 a corporación actual acordaba recuperar e restituír a memoria da corporación do ano 36, cesados por orde dunha autoridade só lexitimada polas armas. Para eso decidiuse realizar un pleno extraordinario o 19 de setembro que sirva para difundir publicamente a memoria daqueles homes e homenaxealos a eles e ás súas familias. O acto será no Auditorio da Ramallosa o venres 19 e comezará ás 20:30 horas.

10 de setembro de 2014 | 10:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.