publicidade hoxe

Industria aposta pola innovación do sector marisqueiro como clave para a competitividade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO Grove
A-
A+
O director da Axencia Galega de Innovación na visita a Remagro

O director da Axencia Galega de Innovación na visita a Remagro

O director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela Rey, visitou hoxe as instalacións que a empresa marisqueira Remagro ten no Grove, onde resaltou as oportunidades que a aposta pola innovación ofrece a este sector de cara a incrementas a súa competitividade. Así, Varela Rey subliñou o compromiso do Goberno galego cunha innovación aberta que, coa participación dos axentes do Sistema Galego de I+D+i, persegue impulsar a transferencia de resultados ao mercado de cara a incrementar a competitividade do tecido empresarial galego.

Durante a visita, o director da Axencia puxo como exemplo desta innovación aberta á propia Remagro, que está a colaborar no proxecto Bivalplus, do programa Innterconecta, no que participan outras cinco empresas galegas de distintos sectores como o das TIC, o metalmecánico ou o conserveiro. Todas elas colaboran con Anfaco-Cecopesca e co Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información, desenvolvendo unha iniciativa que busca introducir melloras ao longo do ciclo da produción de ameixas e berberechos, reducindo os custos e incrementando a calidade.

Para isto, o proxecto plantexa unha serie de innovacións nas diferentes etapas do ciclo produtivo destes bivalvos, desde o inicio do seu ciclo vital nos criadeiros en terra, ata a transformación e comercialización do produto final, unha vez acadada a talla comercial. O obxectivo é lograr unha maior rendibilidade económica de todo o proceso e de cada unha das etapas a través da aposta pola innovación tecnolóxica.

Deste xeito, e segundo apuntou Varela Rey, o proxecto implica unha clara aposta pola innovación, presentando unha importante capacidade para xerar rendibilidade no mercado e, en consecuencia, contribuír ao crecemento económico de Galicia.

Neste contexto, o programa Innterconecta está a mobilizar na provincia de Pontevedra máis de 90 millóns de euros a través de distintos proxectos nos que colaboran empresas e centros de coñecemento. Unha iniciativa, que xunto ao Conecta Pemes, configúrase como a mellor vía para o acceso á innovación do tecido empresarial galego, composto nunha gran parte por pequenas e medianas empresas.

11 de agosto de 2014 | 16:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.