publicidade hoxe

Teo recepciona a obra de ampliación da Etap de Pontevea

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

O alcalde de Teo, Martiño Noriega, e o concelleiro de Urbanismo, Rafael Sisto, visitaban esta mañá a Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Pontevea, para formalizar a recepción parcial da citada obra. Deste xeito péchase un longo proceso que virá a solucionar os problemas de turbidez e fluxo de auga padecidos nos últimos anos pola veciñanza teense.

A solución a esta problemática converteuse nun dos retos do goberno teense nos últimos exercicios e neste momento é unha realidade a infraestrutura que garante un subministro suficiente para as necesidades do Concello para os próximos anos. A instalación quedara infradimensionada para asumir o medre de poboación teense dos últimos anos. A satisfacción do rexedor Martiño Noriega “resulta evidente xa que levábamos moito tempo traballando para que esto fose unha realidade e se solucionara este problema que afectaba a unha cuestión básica para a cidadanía”.

Esta obra tivo un orzamento de licitación de preto dun millón de euros e un período de execución dun ano, xa que comezaba no verán pasado e aínda faltan algunhas semanas para o seu remate definitivo. O importe de adxudicación á empresa Espina Obras Hidráulicas finalmente foi de 752.092 euros e foi cofinanciada por Augas de Galicia a través dos fondos europeos FEDER, da Deputación da Coruña a través do Plan DTC 93 e con fondos propios do Concello de Teo.

Durante a visita pola planta o responsable técnico da obra explicou as características da ampliación destacando que “o único que queda de antes é o edificio, todo o resto é novo”. O proxecto supuxo a substitución das bombas actuais para pasar a dúas bombas que garante un fluxo total de 100 l/s, así como a tubaxe de impulsión e o colector xeral de impulsión coas súas respectivas válvulas de comporta e retención, entre outras actuacións.

Un dos elementos centrais desta obra é a implantación dun decantador lamelar no proceso de tratamento para unha capacidade de 100l/s, así como unha cámara de auga tratada con sala de bombas que alimente a etapa de filtración. Instalouse unha liña de filtración igual á existente, duplicando a capacidade que tiña a pranta. Neste momento entrarán en funcionamento os dous filtros novos e nas próximas semanas sustituriranse os dous que funcionaban ata o momento quedando a liña de filtración completa con cos catro filtros novos. Ademais, levouse a cabo a automatización no proceso de tratamento de potabilización, así como a incorporación de turbidímetro de auga bruta e tratada, medidor de PH e de cloro residual.

17 de xullo de 2014 | 19:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.