publicidade hoxe

A tartaruga mariña ‘Jamesbon’ xa nada en liberdade tras cinco meses de recuperación no Gove

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO Grove
A-
A+
Liberación de Jamesbon

Liberación de Jamesbon

A tartaruga mariña común Jamesbon foi liberada hoxe no porto do Grove, despois de cinco meses de recuperación no Cemma (Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños), nos que foi necesario o deseño dun berce para o descanso da tartaruga. Outros coidados consistiron nunha paulatina alimentación da mesma, a base de bocarte pequeno, que axudou a que o exemplar puidese alimentarse por si mesmo. A directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado Barcia, supervisou os procesos de liberación da tartaruga, que foi trasladada fora da ría de Arousa dende onde continuará o seu camiño cara o Caribe na corrente do Golfo, que leva a esta altura dirección sur.

No caso da tartaruga liberada esta mañá, tras a súa chegada á praia de Area de Bon en Bueu –que lle da nome á tartaruga- o 11 de febreiro, o exemplar foi recollido e custodiado por un veciño que a encontrou e seguiu as indicacións telefónicas dos especialistas ata o ingreso da tartaruga na Unidade de Coidados Intensivos que a Cemma instalou no local de coordinación de Nigrán. Este exemplar foi o de menor tamaño ingresado nunca nas unidade de coidados, só de vinte centímetros de lonxitude e 400 gramos de peso –a metade do que debía pesar-, así que a súa recuperación constituíu un reto.

A situación na que se atopou esta tartaruga era moi delicada e o seu tamaño, a cantidade de feridas e a falta de actividade dificultaban a súa recuperación. A asistencia continua de 24 horas levou a unha mellora constante da tartaruga. Aínda que ao principio se fixo difícil que Jamesbon comera, dado que as tartarugas de pequeno tamaño son vexetarianas e non están afeitas a comer peixe, pouco a pouco a tartaruga foi gañando actividade. Grazas á localización do bocarte pequeno a tartaruga puido comezar a comer por si mesma, e hoxe o seu estado é axeitado para poder continuar co seu camiño.

Durante o pasado inverno, as xornadas das cicloxéneses explosivas propiciaron a chegada, entre xaneiro e marzo, dun total de 10 tartarugas mariñas ás costas galegas: unha tartaruga de coiro (Dermochelys coriacea), sete tartarugas mariñas comúns (Caretta caretta) e dúas tartarugas mariñas pequenas (Lepidochelys kempii). Só cinco delas vararon con vida, pero o seu estado de saúde era moi delicado, desnutridas, con constantes vitais baixas pola baixa temperatura e con graves lesións.

16 de xullo de 2014 | 14:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.