publicidade hoxe

Segundo concurso de audiovisuais das Letras Galegas en Carral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarral
A-
A+

O Concello de Carral, a través da súa Concellería de Cultura e do Servizo de Normalización Lingüística, ven de convocar a segunda edición do concurso de pezas audiovisuais sobre as Letras Galegas, no que poderá participar o alumnado da ESO do CPI Vicente Otero Valcárcel.

Con esta iniciativa, na que colaboran o propio centro escolar a través do seu departamento de Lingua Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, preténdese fomentar nos mozos e mozas de Carral a súa creatividade no eido audiovisual, á vez que contribúen á promoción da nosa lingua e dos seus principais protagonistas.

Co fin de animar a participación no concurso, o técnico municipal de Cultura, Carlos Lorenzo Pérez, impartiu en todos os niveis da ESO de Carral charlas nas que lles ensinou os principais aspectos nos que se basea a produción de películas e series de televisión, comentando as principais ferramentas que poden utilizar para realizar os seus traballos audiovisuais.

Para presentarse ao concurso o prazo mantense aberto ata o 3 de maio, e os premios entregaranse o 16 de maio dentro do programa municipal de conmemoración das Letras Galegas.

MALASOMBRA PRESENTA SMOKE CITY PARA O ALUMNADO DA ESO DE CARRAL

A Concellería de Cultura organiza a representación da obra Smoke City da compañía Malasombra, destinada ao alumnado da Educación Secundaria Obrigatoria do colexio Vicente Otero Valcárcel de Carral.

A representación terá lugar o venres 11 de abril, no local Xente Nova de Tabeaio, e servirá para concienciar á mocidade sobre os efectos do tabaquismo.

Smoke City, escrita por José Luis Prieto e dirixida por Marcos Orsi, aborda unha problemática moi de actualidade como é a do tabaquismo, e en particular pon énfase nas consecuencias a curto prazo que causa na vida diaria dos consumidores, e, sobre todo,os beneficios de levar unha existencia limpa, sen dependencias, que permitan realizar un monte de actividades libres de ataduras físicas e psíquicas, que, ao fin e ao cabo, é todo o contrario de vivir atrapado, atado, encadeado a un cigarro.

Na obra participan os actores Xoque Carbajal, Alberto Rolán, Jouse García e o músico Ramón Orencio “Mr. Cool”.

AS BIBLIOTECAS MUNICIPAIS CELEBRAN O MES DO LIBRO CON VARIAS ACTIVIDADES

As bibliotecas municipais de Carral presentarán contacontos para todas as idades para celebrar o mes do libro. Así, o día 23 de abril, dia internacional do  libro, Charo Pita presentará o seu contacontos Triquitraque Traquetriqui, dirixido especialmente para bebés (de 0 a 3 anos) cancións arrolantes, palabras, trabalínguas e xogos para os que aínda dormen no berce. Será ás 5 da tarde, na  biblioteca infantil.

O venres 25, ás 6 da tarde, na biblioteca da Casa da Cultura, teremos Contos de Marmeleiro, anís e limón con Marisa Irimia, que nos presentará historias cheas de maxia e emocións.

Durante este mes tamén visitarán as bibliotecas os escolares de infantil do CPI Vicente Otero e da escola unitaria de Tabeaio, así como os máis pequenos da escola Infantil A Galiña Azul que pasarán unha mañá entre libros.

10 de abril de 2014 | 19:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.