publicidade hoxe

A Comisión Europea e a Xunta verifican co Concello de Abegondo o avance do proxecto “Rural suplies”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbegondo
A-
A+

Abegondo recibiu a visita dos técnicos da Unión Europea, da Consellería de Sanidade, e de Augas de Galicia para supervisar o avance do proxecto “Rural suplies”, unha iniciativa do Concello para mellorar a calidade da auga das zonas do municipio sen posibilidade de abastecemento municipal.

O alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso, e o director do proxecto, Carlos Ameijenda, mantiveron primeiro unha reunión de traballo cos técnicos, detallando o progreso do plan. Posteriormente desprazáronse até algunha das traídas particulares obxectos do proxecto, acompañados polos veciños, máximos coñecedores do seu funcionamento e quen tamén participan no programa.

En Borducedo, parroquia de Vizoño, os técnicos da Comisión Europea e da Xunta puideron comprobar in situ os retos aos que se enfronta o proxecto do Concello e a idoneidade da súa posta en marcha, dado que é unha necesidade clara pór os medios para garantir a salubridade da auga deste tipo de captacións.

Alí puideron identificar posibles ameazas para a calidade desta auga, como o uso de abonos químicos en plantacións das inmediacións ou as condicións de limpeza. O proxecto, nesta primeira fase, consiste nunha análise exhaustiva das características de cada traída, estudando o seu estado e a calidade da auga en cada un dos seus puntos.

A Comisión Europea e a Xunta valoraron especialmente a reproducibilidad que terá o proxecto do Concello de Abegondo noutros lugares. E é que se estima que esta situación se dá en 600.000 galegos e en 1 de cada 10 europeos.

Este proxecto, pioneiro en Galicia, prolongarase até 2017. Ten como socios do Concello á Consellería de Sanidade e a Augas de Galicia, e está financiado pola UE. Da administración municipal española, só os Concellos de Zaragoza e de Abegondo lograron o financiamento europeo, a través do LIFE+.

Actualmente, o Concello traballa cos veciños, siguien o chamado sistema de diagnóstico participativo, elaborando un estudo da situación e problemas que ten o sistema de augas de cada unha das casas participantes. Analiza o estado da captación ou pozo, e do depósito; efectúa análise da auga tanto na orixe como na billa; e avalía os posibles riscos do sistema.

Este estudo será o punto de partida para o posterior plan de sustentabilidade que se confeccionará de cada vivenda e marcará como pór solución aos problemas detectados.

En Abegondo, as casas que empregan sistemas de abastecemento autónomo atópanse na zona sur do municipio, situada a unha cota máis alta que o depósito de auga do municipio. Son 228 vivendas das parroquias de Vizoño, Montouto, Vilacoba, Sarandóns e Folgoso nas que están empadroados uns 600 veciños.

O alcalde cualifica de “oportunidade de ouro” para Abegondo que a Unión Europea e a Xunta aposten por este proxecto, aínda que destaca o traballo “ben feito” que está a realizar o Concello en materia ambiental, con continuos recoñecementos e plans piloto.

21 de abril de 2014 | 19:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.