publicidade hoxe

O Concello de Mugardos recibe unha nova motobomba para o dispositivo de prevención de incendios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMugardos
A-
A+

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou hoxe o municipio de Mugardos para dar conta da entrega dun novo vehículo motobomba ao concello, que servirá para reforzar o dispositivo de prevención e defensa contra os incendios forestais.

Acompañada polo alcalde, Xosé Fernández Barcia, Do Campo destacou a importancia da colaboración institucional entre as diferentes administracións na loita contra o lume. “A Xunta de Galicia confía no compromiso e capacidade dos concellos, como administración máis próxima ao terreo, para a xestión de medios humanos e materiais na loita contra os incendios forestais”, indicou a máxima representante do Goberno galego na provincia, que apuntou que a renovación deste equipamento servirá para “incrementar a eficacia das tarefas de extinción no seu conxunto, coordinadas baixo o mando único da Xunta”.

A Consellería do Medio Rural e do Mar investiu presto de dous millóns de euros na adquisición deste vehículo e doutros 13 para toda Galicia, no marco do Programa de Desenvolvemento Rural Sostible 2010-2014. Neste caso, este equipo conta cunha cisterna de 3.000 litros e cabina sinxela.

O acto desenvolveuse na sede do Grupo de Emerxencias Supramunicial (GES) de Mugardos, onde Do Campo aproveitou para saudar aos 12 efectivos que o compoñen, cunha estrutura profesionalizada e permanente.

Entre as funcións deste dispositivo atópase a intervención en incendios urbanos e forestais. De feito, desde a súa posta en marcha o pasado mes de agosto veu colaborando na campaña contra o lume nos montes galegos xunto co resto de servizos de extinción. Con todo, os GES tamén traballan en situacións de emerxencia derivadas do desencadenamento de riscos naturais, como poden ser as nevaradas, inundacións, seca ou episodios meteorolóxicos adversos; no mantemento da rede de estradas e vías de comunicación ou participando en operativos de protección civil que se planifiquen en casos de actividades nas que se rexistran aglomeracións significativas de persoas.

No encontro, a delegada tamén agradeceu a colaboración entre as distintas administracións –autonómica, provincial e local-, que posibilitou a posta en funcionamento destes grupos, pensados para crear unha auténtica malla que cubra todo o territorio e ofreza unha resposta áxil e eficaz aos cidadáns ante calquera incidencia. “O novo modelo demostra que a suma de esforzos é útil e necesaria e que entre todos somos máis eficientes”, concluíu.

4 de febreiro de 2014 | 11:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.