publicidade hoxe

Cita gastronómica en Sarria coa VI Festa do Cocido do Porco Celta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLugoSarria
A-
A+
Presentación da VI Festa do Cocido do Porco Celta de Sarria

Presentación da VI Festa do Cocido do Porco Celta de Sarria

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, presentou este xoves a VI Festa do Cocido do Porco Celta de Sarria, coa que colabora o organismo provincial e que se celebrará entre os días 14 e 16 de febreiro. Esta celebración gastronómica difunde entre os consumidores e os profesionais do sector hostaleiro as cualidades nutritivas e de sabor que ofrece a raza autóctona galega e as súas posibilidades de comercialización pola elevada demanda do produto.

No acto, que tamén contou coa presenza de José Antonio Carril, Director Técnico de ASOPORCEL; José Manuel Fontal, representante dos hostaleiros participantes; así como o Alcalde de Sarria, José Antonio García, Lara Méndez destacou a importancia do apoio a iniciativas coma esta cita, que contribúen á difusión dos produtos autóctonos de calidade, que son un recurso excepcional para dinamizar a economía da provincia, especialmente no rural. A Vicepresidenta Segunda insistiu en que a cría desta raza e a produción e venta dos seus derivados acadan cada ano mellores cifras, ó aumentar a demanda grazas á difusión das súas cualidades de sabor e calidade con iniciativas que aproveitan as opcións de hostaleiros, produtores e criadores coma esta que impulsa a Deputación.

Durante o acto de presentación, na que os asistentes e o público presente tiveron a oportunidade de degustar embutidos e derivados do porco celta, o Director Técnico de ASOPORCEL, José Antonio Carril, agradeceu o apoio da institución luguesa para organizar a cita e explicou que a festa gastronómica non podería realizarse de non ser polas colaboracións con establecementos da zona que promocionan o produto durante todo o ano e ofrecen pratos especiais durante os días da festa.

A Festa do Porco Celta está organizada grazas á colaboración entre os establecementos sarrianos Hotel Carrís Alfonso IX, Hotel Roma, Hotel A Veiga, Cafetería Santiago e Hotel Rústico Casa Díaz e outros negocios da zona coma Cárnicas Teijeiro.

Entre o 14 e o 16 de febreiro, milleiros de persoas achegaranse á Vila de Sarria para degustar pratos co porco celta como protagonista. Durante os tres días da festa, os restaurantes e bares da zona ofrecerán menús, tapas de cocido e outros derivados do porco celta, e o sábado preto de 500 persoas se reunirán no pavillón dos institutos para xantar un menú a base de lacón, butelo, soá, chourizos e cachola, acompañados de cachelos, garavanzos e grelos, ademais de queixos, marmelo e roscón de sobremesa.

A celebración continuará o domingo cun xantar especial a base de ovos, patacas e chourizos de porco celta que ofrecerán os hoteis e locais de restauración organizadores.

Produto autóctono de calidade

ASOPORCEL integra a 400 gandeiros de porco celta, 112 dos cales son da provincia de Lugo e crían preto de 1.400 animais desta raza inscritos no Libro Xenealóxico Oficial. Debido á alta demanda, que actualmente duplica a oferta, e ó elevado prezo que alcanza a carne deste animal no mercado, a actividade gandeira con porco celta convértese nunha interesante posibilidade de negocio para os produtores da provincia. A cría de porco celta xera postos de traballo tanto en produción primaria como en transformación e comercialización e consolidouse como un atractivo turístico máis da provincia, polo que contribúe tamén a fixar poboación no rural. Os custes de cría deste animal son similares ós doutras razas pero a súa carne alcanza un prezo máis elevado no mercado. Un quilo de carne de porco celta acada un prezo medio de 8 euros, os leitóns páganse entre os 60 e os 100 euros e un animal adulto pode custar uns 900 euros. Os xamóns de porco celta son moi apreciados cotizándose a prezos similares os doutras denominacións de orixe como Guijuelo.

A colaboración do organismo provincial coa Festa do Porco Celta enmárcase na súa aposta polo impulso dos produtos autóctonos de calidade para xerar riqueza na provincia. Por este motivo, ó igual que financia esta cita, a Deputación impulsa outros eventos na provincia como a Festa do Berberecho de Foz, a Festa da Empanada de Chantada, a Festa da Castaña do Courel, a Feira da Mel de Lugo ou a do Butelo en Fonsagrada, entre outras.

11 de febreiro de 2014 | 18:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.