publicidade hoxe

Louzán amosouse confiado en acadar o recoñecemento de Ben de Interese Cultural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO GrovePontevedra
A-
A+

O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, acompañado do responsable de Arqueoloxía da Administración provincial, Rafael Rodríguez, visitou esta mañá o xacemento de Adro Vello, no concello do Grove, para comprobar os traballos de limpeza e sinalización que se realizaron neste castro e valorar as posibilidades de avanzar na súa consolidación e restauración.

Louzán amosouse confiado en que se acade a declaración de Ben de Interese Cultural, que o rexedor local, Miguel Ángel Pérez, confirmou que o Concello se encargará de solicitar.

Esta declaración permitiría darlle unha maior protección ó xacemento e ó seu contorno, o que facilitaría a consecución da axuda do 1% cultural que, de lograrse, a Deputación destinaríao á consolidación dun xacemento que require dunha intervención urxente para evitar a súa deterioración.

Neste sentido o arqueólogo da Deputación e responsable dos traballos que se están a realizar en 16 castros da provincia –entre os que se inclúe o de Adro Vello– subliñou que se trata dun “xacemento moi complexo” no que conviven mostras de sucesivos asentamentos, con restos dunha gran necrópole, dunha industria de salgados, unha igrexa datada arredor do século IX, e restos de, polo menos, dúas villae romanas (unha delas vencellada á fábrica de salgados), o que lle dá unha considerable relevancia histórica.

Malia todo, o paso do tempo e o efecto dos ventos e a choiva están a ocasionar unha seria deterioración que é preciso frear e no que traballa agora a Administración provincial.

Protección das estruturas

Así, ós traballos de limpeza realizados ata o de agora, haberá que lles sumar un plan para a protección das estruturas descubertas e para a súa rehabilitación.

Unha das medidas que é preciso adoptar é a substitución dos elementos que no seu día se instalaron para evitar que se derrubasen tumbas e muros que, ó estaren elaborados en madeira, se deterioraron e xa non cumpren correctamente a súa función. Tamén se fai necesario substituír o actual valado de protección do recinto e a instalación de paneis informativos que lle axuden ó visitante a comprender en toda a súa magnitude a relevancia e a historia deste xacemento.

“Haino que facer comprensible á xente”, afirmou Rafael Rodríguez, que o que chegue ata esta zona, non só “vexa muros” e restos illados, senón que sexa capaz de entender o xacemento en toda a súa complexidade.

Rede de castros

Rafael Louzán destacou o labor xa realizado neste enclave, que incluíu a eliminación de maleza, a limpeza de todas as estruturas descubertas e a colocación de sinalización turística, desde a saída de vía de alta capacidade ata o xacemento. Instaláronse sinais en cada unha das rotondas e en todos os cruces da estrada.

O presidente da Deputación lembrou que esta actuación forma parte das que a Administración provincial está a levar a cabo “nunha rede de 16 castros moi importantes da provincia” e que o obxectivo é, da man da Xunta e dos concellos, “traballar para consolidalos e recuperalos”.

27 de xaneiro de 2014 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.