publicidade hoxe

Credite EGS dos lusos Afonso Domingos e Hugo Rocha son os novos campións do mundo de Platu 25

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLocalPorto do Son
A-
A+

O himno portugués soou en Portosín, engalanando coa súa bandeira o mastro que en honor dos tres primeiros clasificados se instalou no podio do mundial de Platu 25, que hoxe celebrou a súa última xornada. O Credite EGS, de Afonso Domingos e Hugo Rocha, levouse o cetro do Platu 25 World Championship de 2013, onde todo era posible, empatando a 25 puntos co italiano Euz II Monella Vagabonda, de Sandro Montefusco, que se viu relegado á segunda praza por ter os lusos un maior número de primeiros. Pechaba o caixón o L para comer Lugo, de Gonzalo Araújo, con 31 puntos. O veleiro lugués navegado polo regatista de Vigo era un dos firmes candidatos ao trofeo dourado, pero o sexto posto da penúltima manga, restoulle alternativas para conseguir o trofeo intercontinental, despois de estar a liderar o mundial durante case toda a semana.

“Foi un mundial complicado no meteorolóxico, cun vento que estivo moi cambiante durante estes días. Pero a medida que a intensidade ía aumentando iámonos encontrando máis cómodos”, comentaba Afonso Domingos, patrón do Credite EGS. “Este mundial tivo un gran nivel. Decidiuse todo na última proba, e iso dio todo. Voume moi contento de Portosín”, “non só polo título senón tamén polo Real Club Náutico que fixo un gran traballo no mar e en terra co Village de la Regata”, remataba dicindo Domingos.

O día amenceu moi chuvioso en Portosín, con chuvascos racheados que deixaban bastante auga. Primeiro aprazamento en terra, polo menos por unha hora. Ás 12.05 o Comité daba o primeiro bucinazo do día, e así ata tres, por cada unha das tres mangas validadas, aínda que a segunda tivo unha chamada xeral. A primeira proba da xornada decisiva foi para o Credite EGS, a segunda para o Euz II Monella Vagabonda, e a terceira para o Pícaro-Movistar. O Brillamar, de Alberto García e Marga Cameselle, tivo a chave do mundial, que co seu cuarto posto na última proba decidiu a cor da nación campioa, que xa se decantaba entre a lusa e a italiana.

“Creo que este mundial foi un dos máis apertados dos últimos anos tendo que decidirse, non só o podio senón, os 8 primeiros postos, o último día”, declaraba Marga Cameselle, armadora do Brillamar. “Un campo complicado, con grandes oscilacións en dirección e intensidade de vento, fixeron deste un dos mundiais máis interesantes dos últimos anos. Seguramente esta loita apertada axudará a reavivar e dar máis forza á clase”, reflexionaba Cameselle. “O meu máis sincero parabén a Credite EGS”, remataba dicindo a galega.

O cuarto posto foi para o barco local comandado por José Manuel Pérez e Alfredo Mella. O Rede Bull Racing Eyewear, do Real Club Náutico Portosín, rematou na xeral con 33 puntos, tras realizar unha excelente participación no mundial, no que sempre estivo nos postos de cabeza.

E quinto foi o Pícaro-Movistar, de Marc de Antonio e Sofía Bertrand, do RCN Sanxenxo/RCN Barcelona, que cos seus 38 puntos executou unha grande remontada despois de sufrir varias roturas a principios de semana, o que o foi relegando a postos nos que habitualmente non adoita estar.

Sen dúbida ningunha este mundial respirou emoción ata o último momento, cunha final de foto finish que, mesmo, fixo dubidar italianos e portugueses.

Ás sete da tarde celebrouse a entrega de premios, coa presenza de boa parte do Comité de Honra no Village da regata.

29 de setembro de 2013 | 23:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.