publicidade hoxe

A Consellería investiu 140.000 euros para a rehabilitación da cuberta de Curtis

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCurtisLocal
A-
A+

As intervencións neste templo serviron para solucionar os problemas de humidades e filtracións. O conselleiro de Cultura e Educación realizou un percorrido por diferentes bens históricos de Curtis acompañado polo alcalde da localidade, Javier Caínzos, e pola directora xeral do Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe as obras de rehabilitación da cuberta da Igrexa de San Roque de Xabriño. A intervención realizada pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural contou cun investimento de máis de 140.000 euros que se utilizaron para resolver os principais problemas de humidades que tiña o templo. Nesta visita, o conselleiro estivo acompañado polo alcalde de Curtis, Javier Caínzos, e pola directora xeral do Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua.

As obras da igrexa incluíron a substitución da tella existente, a eliminación da lumieira disposta na metade da nave, a instalación de canalóns en todas as fachadas lonxitudinais e a reparación do canalón en pedra sobre a porta de acceso ata o campanario. Asemade, realizouse unha obra de drenaxe na fachada suroeste e reparouse a traba de madeira baixo o coro. Por último, substituíronse os revocos interiores e exteriores, cambiáronse as carpinterías exteriores e renovouse a instalación eléctrica.

A capela de San Roque de Xabriño, localizada na parroquia de Fisteus, é un templo de estilo barroco de finais do século XVIII. Dispón dunha planta rectangular dunha soa nave, con unha capela anexa e un presbiterio destacado en altura. No interior, a nave está construída con armazón de madeira, e no exterior destaca polo seu valor artístico a composición da fachada principal e a espadana, cunha furna coa imaxe do santo patrón da capela.

A continuación, Vázquez Abad, acompañado polo alcalde e pola directora xeral do Patrimonio Cultural, visitou os diferentes bens históricos de Curtis. Entre outros, o responsable de Cultura e Educación desprazouse ata a Ponte Marzá para comprobar o seu estado despois das últimas crecidas, posto que a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural realizou unhas obras de restauración do sistema estrutural e mellora do sistema de desaugue. Deste xeito, comprobouse de primeira man que a ponte se encontra en boas condicións e que as actuacións realizadas serviron para garantir a súa conservación.

8 de marzo de 2013 | 13:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.