publicidade hoxe

O Plan forestal busca compaxinar un sector clave para Galicia como o da madeira con outros usos do monte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto, defendeu hoxe na Comisión 7ª do Parlamento o carácter de consenso co que naceu o borrador do Plan Forestal de Galicia, que está en mans de máis de 60 asociacións dende o mes de decembro, e lembrou que o obxectivo principal é facer compatibles todos os usos do monte, dende a madeira ata os fins agrícolas.

Neste senso, sinalou que “o monte de Galicia é máis que madeira, con toda a importancia estratéxica que ten este sector”. Por iso, o que deseña este documento son unhas liñas mestras de orientación para facer un uso equilibrado do monte, falamos das dúas terceiras partes do territorio. Así contémplanse 1,06 millóns de hectáreas para a produción sostible de madeira, cun primeiro reparto por especies. Especifícase tamén que 450.000 hectáreas teñen que ser espazos abertos e pasteiros, “que non supoñen terreos improdutivos”, aclarou o director, e outras 450.000 ha, frondosas caducifolias multifuncionais.

“Este é un reparto equilibrado do territorio forestal galego”, sinalou Fernández-Couto, e engadiu que o plan ten que garantir que non desapareza ningunha especie propia de Galicia. Así mesmo, deben de ter cabida todas as cadeas de valor, as tradicionais e as máis novidosas, que tamén teñen un importante peso en determinadas comarcas como sucede cos castiñeiros. Aludiu tamén ao piñeiro, como outra especie “estratéxica” para Galicia.

O director xeral insistiu en que o Goberno galego está absolutamente aberto ás aportacións que queiran facer dende todos os ámbitos e lembrou que o documento está redactado en base ás directrices deseñadas no seu momento por 26 organismos e colectivos en representación dos axentes sociais, económicos e ambientais integrados no grupo de traballo creado para esta revisión do plan. “Foi un proceso moi potente e participativo cunhas conclusións de gran valor para elaborar o documento, o que aínda se poden facer aportacións”, indicou.

Continúan as reunións

Isto é así porque no mes de decembro presentouse o borrador ás máis de 60 organizacións presentes no Consello Forestal, incluíndo organizacións agrarias, empresas, grupos ecoloxistas, etc. e a día de hoxe continúanse mantendo reunións cos diferentes axentes involucrados e solicitando as súas aportacións.

Tomás Fernández-Couto destacou tamén que, aínda que a lei establece que o plan pode aprobarse por decreto previo paso polo Consello Forestal, a Xunta non se conforma con este paso e o presidente da Xunta xa anunciou que se levará ao Parlamento galego. “O noso plantexamento é aberto, o plan forestal ten que ser consensuado e pacífico, que todo o mundo poida opinar”, declarou o responsable de Medio Rural.

Implicación da muller no medio rural

O director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, tamén participou na comisión sétima para falar do importante peso da muller no rural e das medidas que vén desenvolvendo o Goberno galego para afianzar a súa presenza no agro. Sinalou que hai “un progresivo cambio de tendencia cara un incremento do seu papel a todos os niveis” como amosan os datos. Así, indicou por exemplo que o 54% das persoas que deciden emprender un negocio no ámbito rural son mulleres, fronte a un 46% de homes, mentres que se falamos do mundo urbano a porcentaxe de mulleres empresarias baixa ao 30% fronte ao 70% de homes. Ademais, nun 79% dos casos, estas empresarias rurais son autónomas e apostan por poñer en marcha iniciativas empresariais que ofertan produtos ou servizos dos que carece o seu ámbito.

Respecto á propiedades das explotacións, das 140.930 rexistradas en Galicia, en 61.629 a titularidade corresponde a mulleres, é dicir, o 43,76% das explotacións galegas teñen como titular a unha muller. Para favorecer esta tendencia, Pérez-Dubois aludiu a todas ás ordes de axudas nas que a Consellería do Medio Rural dá prioridade ás iniciativas presentadas por mulleres, como é o caso do plan Leader ou as adxudicacións do Banco de Terras, con puntos extra para elas na baremación. Anunciou ademais novas iniciativas no 2018 dirixidas especificamente ás mulleres do rural.

Consumo de leite nos centros de ensino

Doutra banda, na comisión tamén interveu a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, para falar dos esforzos feitos desde Medio Rural por implantar o consumo de leite dende idades temperás. “Somos a segunda comunidade autónoma con maior consumo de leite nas escolas”, declarou e apelou ao consumo de leite de vaca fronte a outras bebidas vexetais de moda pero que non teñen as mesmas propiedades.

Noutro orde de cousas, Belén do Campo sinalou que o desenvolvemento agrario dun país non debe estar só vinculado ás producións agrícolas e gandeiras. “Temos que poñer en valor os nosos produtos e dar un paso máis que é a transformación e comercialización porque iso é o que vai facer que teñamos un valor engadido e garantir a viabilidade das explotacións, coa repercusión que terá para o tecido económico de Galicia”, declarou Belén do Campo.

14 de marzo de 2018 | 16:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.