publicidade hoxe

Cores Touris visita o IES Torrente Ballester onde se van a executar obras de mellora no saneamento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita ao centro educativo

Cores Tourís na visita ao centro educativo

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o IES Torrente Ballester de Pontevedra onde se van a poñer en marcha obras de mellora do saneamento de cara a facilitar a separación de augas pluviais e fecais e a mellora do acceso ao centro.

Deste xeito, dende a administración autonómica búscase mellorar o sistema de saneamento para evitar vertidos á rede de sumidoiros municipal.

Na visita, José Manuel Cores Tourís estivo acompañado do xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, así como responsables da Unidade Técnica e da Inspección deste departamento e do director do instituto.

Os traballos contarán cun orzamento que rolda os 30.000 euros, e permitirán, á mesma vez, poder asfaltar a zona de acceso ao centro e tamén a área de aparcamento do mesmo.

De feito, as obras consistirán na limpeza e varrido de toda a superficie a tratar, a regularización da mesma con mestura bituminosa quente e rego de adherencia, así como dunha capa de rodadura de cinco centímetros de espesor.

“As obras comezarán cando o concello de Pontevedra remate os traballos de saneamento que vai a realizar neste barrio, o que facilitará o enganche das novas tubaxes. Terá un prazo de execución duns 25 días”, explicou Cores Tourís.

A Xunta de Galicia continúa así a executar obras de mellora e reforma nos centros educativos da cidade do Lérez onde, nos últimos anos, investíronse case 7,4 millóns de euros, dos cales, 4,3 millóns corresponden a obras realizadas en centros de Secundaria da capital da provincia.

En relación á provincia, José Manuel Cores Tourís, destacou que se acaban de adxudicar obras por un montante de máis de dous millóns de euros para a posta en marcha de diversos proxectos de mellora en centros de Primaria e Secundaria. “A estas obras haberá que sumar outras que se adxudicarán nas próximas semanas”, rematou o delegado territorial.

12 de marzo de 2018 | 16:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.