publicidade hoxe

A Deputación da Coruña inviste 1,1 millóns de euros para conectar a cidade da Coruña á Rede Ciclista Metropolitana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA Coruña
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, asinaron esta mañá na sede da institución provincial o convenio para o financiamento das obras do tramo coruñés da Rede Ciclista Metropolitana. O acto contou tamén coa asistencia da vicepresidenta da institución provincial, Goretti Sanmartín, e o deputado provincial e concelleiro de Mobilidade na cidade da Coruña, Daniel Díaz Grandío.

A Deputación da Coruña investirá un total de 1.160.580 euros na construción desta infraestrutura, un orzamento que supón o 80% do custo total das obras. O resto, ata chegar a 1.490.857 euros, será achegado polo Concello da Coruña.

Segundo explicou González Formoso, este novo tramo de carril bici, de 5,3 quilómetros de lonxitude, conectará os Cantóns coa Avenida da Pasaxe, discorrendo polos xardíns de Méndez Núñez, Sánchez Bregua, Linares Rivas, Casa do Mar e Avenida do Exército, ata enlazar co tramo xa existente na zona de San Diego, dende onde continuará ata As Xubias pola zona do Hospital de Oza para rematar na avenida da Pasaxe, onde conectará co itinerario de Culleredo.

O presidente da Deputación explicou que haberá partes do vial que serán de uso exclusivo para bicicletas e outros tramos nos que se compartirá o uso con coches e peóns, pero sempre delimitando claramente o itinerario ciclista, con separadores de caucho nas zonas máis urbanas e con barreiras prefabricadas de formigón nas estradas que teñen maior intensidade de circulación ou onde os automóbiles circulan a máis velocidade, co obxecto de garantir a seguridade dos ciclistas.

González Formoso agradeceu o traballo do Concello da Coruña e das diferentes administracións implicadas nun “proxecto complexo”, xa que “implantar unha infraestrutura destas características nunha malla urbana non é sinxelo…hai que encaixalo con infraestruturas preexistentes, intereses comerciais, etc.”

Pola súa banda, o alcalde da Coruña, tamén apuntou que o proxecto “supuxo moitos meses de traballo de moitas administracións” e sostivo que o tramo da Rede Ciclista na cidade herculina conectará distintos barrios e “non será só para disfrutar da bici como ocio, senón como forma de mobilidade”. Neste sentido, o rexedor coruñés apuntou outras iniciativas que o seu goberno está a desenvolver para fomentar o uso da bicicleta, como a creación de 11 novas estacións de BiciCoruña.

A vicepresidenta da Deputación destacou que a Rede Ciclista suporá tamén “outra maneira de mobilidade, un modelo máis humanizado”; mentres que o deputado Daniel Díaz sostivo que a seguridade para os usuarios de bicicletas é un dos principais obxectivos da infraestrutura.

A partir da licitación e adxudicación das obras, que correrán a cargo do Concello da Coruña, os traballos terán un periodo de execución estimado de 6 meses e incluirán a remodelación de varias beirarrúas, coas correspondentes actuacións previas de demolición e repavimentación; a formación de vaos nos itinerarios ciclistas; a variación de illotes e medianas, e a colocación de mapas de Rede Ciclista Metropolitana.

O carril bici da cidade da Coruña completarase no futuro cunha segunda fase, na que se unirá a Cala de Bens ata o límite co termo municipal de Arteixo. Para a execución deste tramo, a Deputación prevé un investimento de mais de 35.000 euros.

3,6 millóns para construír 78 quilómetros de Rede Ciclista

Este novo carril bici da cidade Coruña enmárcase no ambicioso proxecto da Deputación para construír unha gran Rede Ciclista Metropolitana de 78 quilómetros de longo, que posibilitará percorrer todo o literal coruñés desde Barrañán ata Mera, e no que a institución provincial investirá un total de 3,6 millóns de euros.

A institución provincial xa asinou convenios cos concellos de Culleredo, Oleiros e Cambre, nos que inviste 1,5 millóns de euros para construír 34,3 quilómetros de rede ciclista, que enlazarán co novo carril bici da cidade herculina a través da ría do Burgo. So está pendente pendente a incorporación de Arteixo, onde a Deputación prevé investir preto de 896.000 euros.

A través deste proxecto, a Deputación quere mellorar a seguridade dos ciclista e pór en valor os espazos naturais da área metropolitana da Coruña, xa que os itinerarios contarán con diversas sinalizacións que axudarán a difundir os puntos de interese dos Concellos.

19 de xuño de 2017 | 17:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.