publicidade hoxe

O sector da construción en Vilagarcía activouse en 2016

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A actividade construtiva en Vilagarcía comeza a levantar cabeza despois do gran descenso rexistrado no inicio da crise económica e o posterior estancamento. Así se desprende das 726 licenzas urbanísticas concedidas polo Concello en 2016, algo máis do 20% das rexistradas no exercicio anterior. Os ingresos que esta actividade supuxo para as arcas municipais ascenderon a 145.085 euros en concepto de taxas.

Mailos datos, aínda é cedo para falar de recuperación do sector e máis aínda para volver ao nivel de actividade que existía hai case unha década. Non obstante resulta positiva a evolución respecto a 2015, cando o Concello concedera 601 licencias de construción.

Aínda que a tendencia á alza rexistrouse tanto en obras menores como maiores, foron estas últimas (aquelas que precisan a realización de proxecto) as que evolucionaron mellor, cunha subida do 32%, pasando das 87 licenzas aprobadas en 2015 ás 115 do ano que acaba de rematar. No apartado de obras maiores inclúense dende edificios de nova construción de todo tipo (bloque de vivendas, vivendas unifamiliares, naves…) a obras de rehabilitación, construción de muros de contención,parcelacións, acondicionamento de locais, construción de piscinas, etc…

A progresión de crecemento das obras menores (as que non precisan da realización de proxecto) foi tamén positiva, aínda que en menor medida, ao rondar o 19%. En 2016 outorgáronse 611 licenzas municipais para este tipo de actuacións, mentres que o exercicio anterior concedéranse 514.

En relación ás licenzas urbanísticas, o Concello ingresou un total de 145.085 euros polo concepto de taxas emitidas en 2016. Pese ao que podería supoñerse, a diferenza apenas existe, xa que en 2015 recadáranse 144.462 euros (623 euros menos).

A diferente progresión da concesión de licenzas e os ingresos por taxas urbanísticas pode explicarse por diversas circunstancias. Neste caso concretos,dado que as obras maiores (que tributan en proporción ao orzamento do proxecto) foron máis, a explicación reside en que as licenzas concedidas deberon corresponder a obras de menor envergadura ou incluso a aquelas que, como as de parcelamento de fincas, non precisan investimento e, polo tanto pagan tan só a cota fixa mínima.

Seguindo esta mesma liña argumental, cómpre lembrar que en 2015 se facturaron as taxas de obras públicas importantes, como foron a ampliación do Hospital do Salnés ou a remodelación da Casa do Mar, o que contribuíron a engrosar bastante os ingresos dese ano. En 2016, pese a medrar o número de licenzas e, especialmente as de obras maiores, ao non contar con obras excepcionais como as mencionadas, os ingresos volveron ao nivel normal.

5 de xaneiro de 2017 | 17:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.