publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Deputación e Concello de Ponte Caldelas impulsan o primeiro sendeiro azul de interior de España

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPonte CaldelasPontevedra
A-
A+

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, asinaron esta mañá o convenio para a posta en valor do roteiro “Sendeiro da Calzada” ao longo do río Verdugo, o que é o primeiro sendeiro azul de interior de toda España. A institución provincial inviste 13.332,80 € nesta iniciativa, mentres que o Consistorio aporta 3.333,20 €. Todas as actuacións previstas estarán rematadas aproximadamente nun mes, polo que xa se poderá gozar da riqueza do sendeiro durante este verán.

O alcalde de Ponte Caldelas salientou a importancia destes traballos no Sendeiro da Calzada, xa que o converte nun referente turístico imprescindible para o Concello, posto que se trata do primeiro sendeiro azul de interior en toda España. “Queremos pór en valor a riqueza paisaxística de Ponte Caldelas. Ademais de ter a primeira praia fluvial con bandeira azul de España, a praia da Calzada, agora temos tamén o primeiro sendeiro azul de interior de España, co cal o atractivo turístico vai ser moi importante para o noso municipio”, manifestou Díaz.

Tras a sinatura, a Presidenta da Deputación lembrou que, unha vez máis, a provincia de Pontevedra está á vangarda en canto á excelencia de recursos turísticos, xa que temos en total neste ano 11 sendeiros azuis, a provincia española con maior número de distintivos. Por este motivo, está en marcha un programa de posta en valor e acondicionamento destes sendeiros azuis, cunha dotación de 183.333,26 €, dos que a Deputación aporta o 80% e os municipios o restante 20%. Ponte Caldelas é o primeiro convenio asinado, pero todos os demais están xa tamén en marcha.

Os outros sendeiros azuis da provincia son: Roteiro de Donón (Cangas); Camiño a Beiramar, Senda entre faros e Senda litoral e do Monte da Guía (Vigo); Cabo Udra (Bueu); Senda Bao-Xestelas (Illa de Arousa); Senda litoral da Guarda (A Guarda); Sendeiro litoral ecosistema dunar Praia América-Panxón (Nigrán): Sendeiro litoral de Baiona (Baiona); Sendeiro Azul Ruta das Praias (Marín).

Os sendeiros azuis son rutas que enlazan praias ou portos con bandeira azul con elementos naturais do seu contorno, contribuíndo así á posta en valor dos valores naturais, históricos, culturais e etnográficos da provincia. No caso de Ponte Caldelas, o Sendeiro da Calzada é un sendeiro azul de 8,3 quilómetros de percorrido ao longo do río Verdugo, que cruza polos pasos naturais da Fraga e de Portasouto, e que pon en valor todo o contorno que rodea a praia fluvial da Calzada.

O roteiro ten como punto de saída e chegada o Balneario e a propia praia da Calzada. Toda a ruta está chea de elementos etnográficos de valor, entre os que destacan muíños, petos de ánimas ou tramos enlousados. Todo estará debidamente acondicionado e sinalizado, despexado de especies invasoras e con protagonismo da vexetación autóctona. Haberá ademais visitas guiadas, obradoiros formativos, voluntariado mediambiental e actividades para escolares.

10 de xuño de 2016 | 19:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.