publicidade hoxe

A Xefatura Provincial de Costas autoriza a zona azul e de servizos para Ojea

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+
O alcalde de Cangas na reunión con Cristina Paz-Curbera

O alcalde de Cangas na reunión con Cristina Paz-Curbera

O alcalde de Cangas, Xosé M. Pazos recibía esta mañá a xefa provincial de costas,  Cristina Paz-Curbera na sala de xuntas do Concello acompañado polo concelleiro de Urbanismo, Mariano Abalo e o inspector da Policía Local, Alberto Agulla. Unha xuntanza positiva na que se mostrou unha actitude colaborativa por ambas partes.

Con respecto ao Plan Xeral de Actuación de peonalización no centro de Cangas estanse a avanzar diferentes xestións para a consecución de cuestións puntuais. O Alcalde solicitou permiso á Xefa de Costas para levar a cabo a remodelación dos aparcamentos situados entre o Sinal e Ojea para habilitalos como zona de mobilidade así como o espazo contiguo ás fabricas para uso de servizos municipais. No aparcamento de Ojea preténdese así crear unha zona similar á coñecida “zona azul”: con restrición horaria pero gratuíta que facilite á veciñanza a posibilidade de realizar xestións no centro. Unha zona que dende o concello se considera “vital como  zona de aparcamento de rotación”.

Por outra banda, Pazos expuxo a Paz-Curbera a necesidade de construír un pequeno muro na explanada de aparcamento de Rodeira co fin de evitar situacións perigosas de tráfico debido á area que arrastra o vento dende a praia. A responsable accedeu ao estudo deste asunto. 

Mariano Abalo tamén aproveitou a xuntanza para solicitar permiso para actuar sobre as naves baleiras. Trasladou a súa preocupación debido ao seu mal estado e insistiu na necesidade de rehabilitar e acondicionar as naves para poñelas en uso. Paz- Curbera aseguróu ademais que o proceso de desafección de toda a zona (entre a praza de Abastos ata as naves) está en marcha e que continúa o procedemento. Recomendou que este proceso se faga de forma conxunta.

5 de outubro de 2015 | 13:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.