publicidade hoxe

Ortigueira implica aos negocios de hostalaría do núcleo urbano no “V Mercado Mariñeiro”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioOrtigueira
A-
A+

A Concellaría de Cultura e Turismo reinventa o “Mercado Mariñeiro de Ortigueira” coincidindo coa súa quinta edición, que se celebrará do 15 ao 17 de agosto. O obxectivo non é outro que darlle un novo impulso e garantir a mellor promoción posible aos produtos da ría, e facelo ademais coa activa colaboración do sector hostaleiro local. Preto dunha vintena de establecementos da Vila apoiarán a proposta e se esmerarán en ofrecer a veciños e visitantes as tapas e menús mariñeiros máis suculentos.

Un lustro despois do seu nacemento, o Mercado Mariñeiro de Ortigueira, xurdido coa idea de dar a coñecer as excelencias do marisco da ría e, en paralelo, promocionar o turismo gastronómico, cambia de rumbo e actualiza a súa fórmula. A estratexia, avanzada polo rexedor Rafael Girón e aplaudida por ACO, aposta por converter á hostalaría local en peza crave do desenvolvemento do mercado.

Para iso, desaparecerá a tradicional comida popular na Alameda- até agora, elemento central da proposta- e avógase por singularizar e diversificar autenticamente a oferta culinaria do Mercado Mariñeiro local. Así, segundo o apuntado por Girón aos hostaleiros, o Concello de Ortigueira adquirirá o produto (fundamentalmente ameixas e berberecho da ría, ademais de algas) e entregarao aos restaurantes e bares da Vila que decidiron colaborar. Estes, pola súa banda, ofertarán durante os días do evento, tapas e menús mariñeiros a prezos módicos.

A proposta, que desde ACO encargáronse de trasladar ao conxunto do sector, será secundada pola gran maioría de establecementos do núcleo urbano e proximidades. Así, veciños e turistas poderán degustar por 15 euros menús elaborados cos excelentes froitos da ría de Ortigueira, en casa Giz, Soilán, Río Sor, O Fogón, Náutico, Manolo’s, Malecón e A Cabana do Fos. Doutra banda, a nómina de locais nos que se servirán tapas mariñeiras (2 euros) incluirá, ademais dos xa citados Río Sor, O Fogón e Malecón, Don Pepe, Galaripos, Arcos, Ciclón, Alameda, Novo Club, Bodegón 90, e as cafetarías do centro social e do centro de recepción de visitantes.

O alcalde Rafael Girón subliña a receptividade dos hostaleiros ante esta volta ao Mercado Mariñeiro e móstrase confiado en que os cambios contribúan a reforzar o impacto do evento turístico na economía local e beneficiar a máis sectores (marisqueo, hostalaría, artesanía…)

Neste sentido, apuntan desde o consistorio que os cambios alcanzarán tamén á tradicional feira de artesanía, de maneira que os postos de artesáns de Ortigueira e a súa comarca serán os protagonistas do que, desde a súa orixe, converteuse no segundo alicerce do Mercado, impulsado pola Concellaría de Turismo e Cultura, e que reforzará ademais o seu carácter gastronómico.

6 de agosto de 2014 | 19:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.