Xa canta outro galo
¿Quen dixo que o país ía mal? ¿Como pode ir mal un país no que vinte “pobres” representantes sindicais en Andalucía xantan, nunha comida de traballo, marisco a tutiplén e porquiños á brasa, todo regado con viños e whiskies de primeira marca por un importe de dous mil euros (a 100 euros por comensal) con cargo á Xunta de Andalucía? ¿Como pode ir mal un país no que o Presidente do Goberno dorme nunha suite en Buenos Aires, co gallo da presentación da candidatura de Madrid 2020, que custa 400 euros a noite? ¿Como pode ir mal un país no que o concello máis endebedado de Europa, Madrid, gasta once millóns de euros na presentación da súa terceira candidatura olímpica? Ninguén diría ou suporía que un país que se pode permitir tales dispendios poida ir mal. Pero se vemos que o que custa a suite do Presidente é o que moitas familias teñen para pasar o mes e facer fronte a todos os gastos que se derivan do mantemento do seu fogar, xa canta outro galo. Se vemos que os dous mil euros que custou o festín dos sindicalistas andaluces son para moitas familias o gasto en manutención de todo o ano, xa canta outro galo. E se vemos que os once millóns de euros que gastou o concello de Madrid son os mesmos cartos que perderon de ingresos todos os sanitarios do país polos recortes nos dous últimos anos, xa canta outro galo. Un país pode invocar a austeridade como marca, pode difundir que o seu dogma inevitable é a sobriedade que combata precisamente o dispendio, pero se non predica co exemplo estará facendo cantar o galo cada dous por tres coma san Pedro. Non podemos pretender, despois, que Europa nos tome en serio e que nos vexa como un país responsable e comprometido que ten como máximo obxectivo solucionar a crise. Máis que nada porque a crise xa é máis ética e política ca económica. Non somos un país de fiar, e por moi triste que sexa dicilo, non hai máis que botar unha ollada a calquera institución pública para referendar esta afirmación. Seguimos a gastar por riba das nosas posibilidades, pero non falo das familias e do cidadán medio, que cada vez poden gastar menos, senón das putrefactas institucións, dos múltiples e ineficaces gobernos, dos parasitarios sindicatos, das elitistas confederacións empresariais e de todos aqueles colectivos que viven do patrimonio de todos. E iso, con case seis millóns de parados, non só é unha barbaridade, senón un insulto ós sectores da poboación menos favorecidos. Habería que darlle a volta á situación e gastar máis, pero gastar máis en bolsas de estudos, en sanidade, en investigación, e non en prebendas e sinecuras, que un país en bancarrota non está para aguantar nin un euro máis malgastado en cagamandurrias, que diría dona Espe.