Oposicións a político

Non hai moito suxeríao o exalcalde da Coruña, o célebre Paco Vázquez. Dicía que ós políticos deberíaselles esixir opositar ó cargo, igual ca un mestre, ca un médico ou un auxiliar de correos. Non deixa de ter razón. Están aí e son os únicos que non teñen que acreditar coñecementos ou preparación. Ás veces, nos seus cargos, están por riba de xente mellor preparada ca eles e semella un tanto ridículo unha persoa dando ordes a quen ten se cadra catro veces máis formación académica ca ela. Iso non soe pasar na empresa privada, onde a xerarquía a dá, polo menos na meirande parte dos casos, a experiencia e a formación. Dicía tamén Arturo Pérez-Reverte, azoute de mediocres, que neste país fai falta pasar oposicións para ser médico da seguridade social, para bombeiro, para arquitecto municipal, para inspector de facenda. Ata os catedráticos teñen que pasar polo aro, e non obstante no aspecto máis decisivo das nosas vidas, a actividade política que determina o presente e condiciona o futuro de todos, pode caer en mans de calquera. Ás veces en mans de persoas excepcionalmente preparadas, pero outras veces en mans de calquera analfabestia incompetente, varón ou femia, incapaz de articular suxeito, verbo e predicado, cuxo único mérito é compartir ideoloxía ou intereses cun partido político concreto.

Se non todos os médicos que saen da facultade superan as probas para ser médico residente, nin todos os licenciados en dereito as de xuíz, se temos a constancia experimental de que non todos valemos para todo, nin sequera cando se trata de xente preparada e con estudos, calculen o control de calidade, as ITV posteriores e as probas psicotécnicas que terían que pasar boa parte dos miles de políticos españois en activo e en pasivo, algún dos cales –coñezo algún nesa situación– non teñen nin rematado o bacharelato. Así que, postos a supoñer xente pública idónea, España decente, mundos felices onde xantar perdices, permítaseme imaxinar unha actividade política rexida polo sentido común. Recomenda Pérez-Reverte que calquera dos que aspirase a figurar nunha lista elixida polos cidadáns, debería que facer antes unhas oposicións nas que se examinase de cultura xeral como trámite previo. E logo, segundo as especializacións ás que aspirase –ministro de traballo, presidente ou calquera outro cargo– de economía, dereito, política internacional, historia de España e ética, aínda que aprobar esta última algúns teríano pouco doado. E por suposto idiomas: inglés, un pouco de francés, alemán. A non poucos dos que están –moitos impresentables de ambos sexos demóstrano cada vez que abren a boca no Parlamento– nin sequera se lles esixe falar ben o idioma propio. É curioso que neste noso país se lle esixa dominar inglés a un camareiro que vai cobrar oitocentos euros ó mes por traballar dez horas diarias, e non se lle esixa a todo un presidente da nación que cobra soldo e presuntamente sobresoldo. Así nos vai.

Publicado o 20 de Setembro do 2013 | 4:29 p.m.