Medo ó Medo
Parece que se comeza a aludir á crise como algo superado. Pode que sexa unha estratexia psicolóxica ou un placebo experimental imposto polos boticarios do piso de riba (é dicir, polos que están enriba). Como o peregrino símil floral (o dos gromos verdes) non fixo efecto, agora van directos ó gran e arríscanse a dicir que tocamos fondo, que agora todo será apuliñar. Agora xa non hai símiles, porque as metáforas non comunican ben, hai que ir de fronte e asegurarse de que na cidadanía calle a mensaxe de que todo comeza a ir ben. Mais, como diría o meu amigo Xosé Luís Barreiro, sabio onde os haxa, onde a propaganda é dócil coma as ovellas, a realidade é teimuda coma os carneiros. ¿A quen lle van contar que todo vai coma a seda se lle chove na casa e non ten para retellar?, ou dito doutro xeito, ¿Quen non ve o deterioro galopante na xestión da sanidade, do ensino ou dos servizos sociais? ¿Queren enganar a alguén? Posiblemente queiran (aínda que non o consigan, loxicamente) porque se cadra a distancia das clases gobernantes á veciñanza xa se mide en anos luz. Pero, como diría calquera con dous dedos de fronte, non cola.
As clases gobernantes non gardan cola nos ambulatorios; non teñen idea da perplexidade do estudante que, en terceiro de carreira, ten que abandonar os estudos porque non pode facer fronte ás novas taxas; non teñen idea do que é vivir con pensións de miseria cando eles nadan en soldos de vicio, cando non en sobresoldos; non teñen idea do que é vivir con quince ou vinte euros ó día, porque a eles, iso é o que lles custa un traxecto de taxi ó parlamento (taxi que pagamos entre todos, resignadamente); non teñen idea do difícil que é pagar o alugueiro a fin de mes, porque eles teñen un piso (ou dos, ou cinco) en Madrid e igualmente cobran dietas por desprazamento coma se viviran a mil quilómetros, dietas coas cales unha familia normal viviría sobradamente aínda que non tivese outro ingreso no mes. De xeito que estamos a saír da crise, polo menos segundo os que nunca estiveron nela.
Cómpre unha revisión política da sociedade, pero cómpre, sobre todo, unha revisión moral do compromiso e responsabilidade das clases gobernantes, xa non para non caeren no descrédito, pois iso xa é inevitable, senón para rearmar un país que agora mesmo está vencido pola sufocante sensación de que isto non ten remedio. Paremos a máquina e reflexionemos coma en tempos de guerra, que diría Reixa. Que a clase política vexa que a xente ten medo, medo a erguerse da cama, medo a se deitar, medo a coller un simple arrefriado, medo ó telexornal, medo á vida, medo ó medo. De todo ese medo público debería responsabilizarse alguén.