publicidade hoxe

Educación, transparencia e consumo

Dicían os latinos: Aut regem aut fatuum nasci oportet, que quere dicir que convén nacer rei ou tonto. Era un xeito de dicir que eran as dúas únicas posibilidades de facer o que a un lle dá a gana sen ter que dar explicacións. O do primeiro caso estámolo vendo todos os días nos noticieiros: unha familia real que non quere nin ten que dar explicacións sobre asuntos que, de atinxir a calquera outra persoa, comportarían como mínimo condutas cuestionables cando non indicios de delito. O do segundo tamén o podemos ver en moitos políticos que, se non fose pola ousadía dalgúns reporteiros, non comparecerían diante da opinión pública nin para dar os bos días.

O termo educación, que provén de educare (formar, instruír) tamén ten moito que ver con educere (sacar, extraer), porque o proceso educativo tenta extraer do educando a intelixencia que se lle supón conxénita, esa riqueza interior, con frecuencia calada, que cómpre ir cultivando coma se fose unha horta para que dea os seus froitos. Nun país no que as diferentes reformas educativas se suceden do mesmo xeito que cando contamos ovellas para poder durmir (e o símil non é de balde) a educación ten que estar, por forza, baixo mínimos, e así o indican o informe Pisa e outras análises polo estilo, que nos sitúan sempre nos derradeiros lugares de Europa.

Poderiamos sospeitar que se trata dunha táctica tácita para que os gobernos non se teñan que enfrontar a cidadáns formados e con criterio. Loxicamente, é moito máis doado enfrontarse (é un dicir) con incultos e mansos individuos sen un xuízo claro sobre os asuntos de estado. E manteño isto porque o outro, é dicir, educar ben e con criterio non é, como se podería supoñer, máis caro ou oneroso para o sistema público nin para as economías domésticas. Poñamos un exemplo por parte de quen sabe infinitamente máis ca min do asunto didáctico, como pode ser o sabio Fernando Savater, exemplo de cidadán crítico e formado: “A filosofía e a cultura axudan a crear mundos propios onde a persoa aprende a convivir consigo mesma. A persoa, canto máis culta, menos cartos gasta. Os incultos gastan máis ou malgastan porque con iso teñen a sensación de que a súa relación co mundo é máis intensa e crense máis felices. Pero a felicidade non depende de estímulos externos, senón desa riqueza interior. De aí a importancia da cultura e da educación humanística. Coas humanidades non incrementas o produto interior bruto, tampouco se gañan cartos, pero fabricas, sen saír da casa, un mundo á túa medida”. Isto parece unha barbaridade nun mundo que cifra todas as súas posibilidades de triunfo no consumo desmedido, pero deberiamos prestar atención a este tipo de sabios que nos indican que todo sería máis sinxelo educando futuras persoas e non futuras ovellas.

Publicado o 12 de Setembro do 2013 | 4:24 p.m.