publicidade hoxe

A Xosé Luna

O amigo Xosé Luna, estradense da Estrada da vida, acaba de gañar o premio de xornalismo Manuel Reimóndez Portela. E eu quero ser dos primeiros en darlle publicamente os parabéns. Porque el foi o meu primeiro editor, quen me descubriu para a ficción e para o ensaio (en pequeno, non vaiamos esaxerar). Hai agora dez anos publicoume na súa cativa pero firme editora Fervenza a biografia de Chano Piñeiro e o meu primeiro libro de relatos, Memoria de Trasdomonte. Eran moitas as cousas que nos unían e poucas as que nos separaban, entre outras a ideoloxía, el era (e segue a ser) de filiación nacionalista, eu era (e xa non son) de filiación centrodereitista. Pero iso nunca supuxo ningunha traba nin eiva na amizade e na colaboración cultural dende entón. O primeiro premio que eu gañei por escribir tamén foi o Manuel Reimóndez Portela. Temos tanto en común como poden ter dúas persoas en torno ó medio século de vida (eu xa o alcancei, a el quédalle unha miga) namoradas da lectura, esa fábrica de soños e de futuros fabricantes de soños. A lectura éo todo. Que ninguén pense que poderá ser feliz enchoupándose de “pighalladas” ofrecidas por Telelixo, pero si que pode selo, e moito, lendo a Defoe ós quince, a Reverte ós vinte e cinco, a Borges ós trinta e cinco ou viceversa (que máis ten, o caso é ler). Por iso o nome de Luna é o dunha biblioteca de Guimarei, porque, ademais de Regina e de Nico, está namorado dos libros. Agora, os dous colaboramos tamén nun xornal dixital: Noticieirogalego.com., onde publicamos artigos xornalísticos que a el lle valeron o premio Reimóndez. A xente coma Xosé Luna é necesaria en vilas e concellos pequenos, porque é pouca a xente que se preocupa e se interesa desinteresadamente pola cultura local. Eu sei o que iso significa e a loita e os traballos que ocasiona. A xente coma Xosé Luna ten máis mérito do que estamos dispostos a recoñecerlle, porque sempre somos parcos en gratitude. O amor á terra, mesturado coa preparación de anos e o interese pola cultura e pola identidade, fan un cóctel que se bebe apaixonadamente con gurruchos pequenos, pero saborosos e cheos de orgullo. O orgullo de sermos alguén que algún día os nosos netos lerán para saber que foi esta terra, esta terra preñadas de letras e soños, miúdos pero nosos. Parabéns para o amigo Xosé Luna.

Francisco Rozados “Rochi”