A Don Ernesto Viéitez Cortizo
No ano 1998, cando estaba a preparar o primeiro número da revista Cotaredo, tiven as miñas dúbidas de a quen debería pedirlle colaboración para encher as páxinas dunha publicación que nacía á opinión pública dos veciños de Forcarei sen máis referente ca outra revista da que a separaban 67 anos. Esa revista era Alborear, a única publicación literaria que vira Forcarei na súa historia. A miña intención era buscar colaboradores de certo renome que tivesen que ver con Forcarei e a Terra de Montes ou, no seu defecto, cos arredores. O primeiro en quen pensei foi, obviamente, en Xosé Luís Barreiro, que dende entón non deixou de colaborar na Cotaredo e despois na Metacios, a súa continuación, que verá saír o seu segundo número para o próximo Nadal. Outro dos primeiros en quen pensei foi no Cronista Oficial de Galicia, don Antón Fraguas, nativo de Cotobade, que tamén deu o seu consentimento para colaborar na publicación.Don Antón morrería ó ano seguinte en Compostela. Pensei tamén, e tamén conseguín que colaborase, en don Ernesto Viéitez Cortizo, presidente da Real Academia de Ciencias e exalcalde de Santiago. E pensei nel porque este ilustre home de ciencia que acaba de falecer o pasado 22, tiña antepasados familiares en Valiñaxemia, aldea da nosa parroquia de Pereira. Don Ernesto, lonxevo investigador, era unha das persoas que máis sabía no mundo sobre o castiñeiro. Esa súa primeira colaboración para a revista Cotaredo versaba, precisamente, sobre esta árbore tan nosa, tan vernácula. Titulábase “O castiñeiro, a árbore de moitos pobos”, e nel degrañaba todo o seu saber consciente de que o ían ler os seus paisanos, porque por tal se tiña el, un paisano máis da Terra de Montes e, mentres puido, a poucas citas faltou da xuntanza anual da Asociación de Amigos da Terra de Montes.
Sempre considerei unha honra que un home tan sabio e tan valorado no mundo da ciencia galega, pero tamén no internacional, tivese polo menos unha parte do seu corazón na nosa terra, porque tamén sempre pensei que o verdadeiro valor dunha terra, máis aló da súa paisaxe e da súa alma, está nas xentes que a enriquecen co seu valume de coñecementos e paixóns. Dicía o sabio Ortega y Gasset que había que acabar por recoñecer unha afinidade entre a alma dun pobo e o estilo da súa paisaxe, por iso ficaba o pobo nesa paisaxe, porque lle gustaba.
Don Ernesto non pertencía á Terra de Montes como pertencemos todos os que vivimos a diario nela, pero el tiña unha parte moi consciente de si ancorada nesta comarca que para el tiña un valor especial por ser a terra que vira nacer a seus pais e a seus avós. E eu son consciente de que é un privilexio especial contar nesta terra, aínda que só sexa como achegado, cunha eminencia que foi doutor en Farmacia; conselleiro do Consello Superior de Investigacións Científicas (que agora queren reducir á nada os mamelucos que nos dirixen); membro do Consello Internacional do Castiñeiro; Director do Instituto de Investigacións Xeolóxicas, Edafolóxicas e Agrobiolóxicas de Galicia; Director do Instituto de Orientación e Asistencia Técnica de Galicia; Catedrático de Fisioloxía Vexetal e de Bioloxía en varias facultades; Presidente da Sociedade Española de Fixioloxía Vexetal e membro do Consello Executivo da Federation European of Society of Plant Physiology, ademais de, como xa dixemos, Presidente da Real Academia Galega de Ciencias. ¿É ou non é para presumir de veciño? Estas persoas son as que fan unha terra. Que na gloria estea, don Ernesto.