O actor estradense Gonzalo Valcárcel interpreta na Casa das Letras un monólogo baseado na peza teatral “Itinerario do botellón”

Portada “Itinerario do botellón”
A Casa das Letras da Estrada acolle este martes 5 de decembro, ás 20.00 h, un monólogo a cargo do actor estradense Gonzalo Valcárcel baseado na peza teatral “Itinerario do botellón”, da autoría de José Luis Graña e publicado por Edicións Fervenza.
A actuación, que será aberta ao público en xeral e que conta coa colaboración do Concello da Estrada, estará acompañada da presentación do libro de José Luis Graña, “Itinerario do botellón”, onde tamén participarán –ademais de Gonzalo Valcárcel e o autor do texto- Pilar Bernárdez, Xabier Rendo e Xosé Luna.
“Itinerario do botellón”, publicada por Edicións Fervenza, é unha obra editada en colaboración coa promotora e construtora Bamarti que participa como patrocinador en toda a colección de teatro da editorial.
A obra
Esta última publicación de Graña Muíño, Itinerario do botellón, érguese como unha obra que amosa os puntos de vista de diferentes colectivos sociais. Non busca achegar solucións nin ofrecer un carácter moralista desta realidade, senón que unicamente a trata desde unha perspectiva obxectiva e nun ton humorístico, mais inzada de crítica.
Á parte dun humor quizais novidoso na dramaturxia galega actual, como trazos singulares desta sinxela peza escénica poden salientarse, por unha banda, o anonimato da gran maioría dos personaxes, que actúan máis ben como modelos de colectivos sociais, e, por outra, a hiperrealidade da presentación do escenario.
Podemos concluír que se trata dunha peza que provoca impacto pola escenificación, destinada a un público preferentemente xuvenil, pero que vai xerar a reflexión e o gozo en calquera lector ou asistente á representación.
José Luis Graña Muíño
Nace en Cerdido (A Coruña) no ano 1955. Aos dous anos, a súa familia múdase ao concello de San Sadurniño e aos nove, de novo, ao concello de Narón, onde pasará o resto da infancia e mais a xuventude.
No ano 1978 comeza a desenvolver o seu labor como docente no concello de Rianxo, onde fixa a súa residencia deica o 1983, no que é destinado a Cariño, naquelas datas pertencente ao concello de Ortigueira.
No 1986 cambia o seu destino ao concello de Miño, onde se mantén deica a xubilación, no ano 2015.
A maior parte da súa vida profesional imparte clases de Lingua Galega, amosándose especialmente activo co alumnado no desenvolvemento de actividades relacionadas co ámbito escénico: contacontos, recitais poéticos, representacións teatrais…
Ten publicado o libro Cerdido: lingua e outras realidades, monográfico sobre o concello homónimo, e a novela Converxencia na cor vermella, que ten como tema central os efectos da chamada reconversión naval nas décadas dos 80 e dos 90 do século pasado na zona de Ferrolterra.