O conselleiro de Cultura propón un proxecto de rehabilitación integral da ponte de Pontevea e a súa contorna

Román Rodríguez na visita á ponte Pontevea
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, avanzou hoxe a proposta de elaboración dun proxecto de rehabilitación integral da ponte de Pontevea que implicaría a actuación na propia ponte ademais do acondicionamento da súa contorna. Así o sinalou hoxe durante unha visita a esta ponte sobre o río Ulla, -que no Consello da Xunta de mañá será declarada Ben de Interese Cultural (BIC) coa categoría de monumento-, onde estivo acompañado dos alcaldes da Estrada (Pontevedra) e de Teo (A Coruña), José López Campos e Rafael Sisto respectivamente.
Nesta liña, o conselleiro propuxo a implicación das deputacións de Pontevedra e da Coruña así coma dos dous concellos polos que discorre a ponte (A Estrada e Teo) para esta actuación de posta en valor do ben e articular ao seu redor uns espazos para o ocio, o turismo e o uso e disfrute por parte da cidadanía. Así, o Concello da Estrada comprométese a deseñar un anteproxecto inicial de ideas para comezar a traballar nunha acción integral.
No que atinxe á declaración BIC, tal como se establece no expediente, a documentación recollida avala a concorrencia neste lugar de diferentes camiños mesmo desde a época romana. Se ben é certo que non existe un acordo entre os historiadores á hora de identificar neste punto o paso da Vía Romana XIX, si hai certeza da confluencia de camiños asociados ás rutas de peregrinaxe e comerciais. Do que non hai dúbida é que a ponte actual se trata dunha ponte medieval, construída no século XVI, con reconstrucións importantes no XVIII.
As características arquitectónicas da ponte encadran a construción no tipo románico-oxival, con seis arcos de cantaría apoiados en cinco grandes piares, con tallamares triangulares augas arriba para suavizar a presión, e trapezoidais augas abaixo, que chegan ata o beiril.
Neste caso tivéronse en conta o informe dos órganos consultivos (Consello da Cultura Galega, Real Academia de Belas Artes e Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago) que informaron favorablemente sobre esta declaración.