Xoán Carlos García Porral presenta o libro “De mouros, mouras e tesouros. A Comarca de Deza” no Museo do Pobo Galego

Xoán Carlos García Porral
O Museo do Pobo Galego acolle o martes 10 de outubro, ás 19.00 h, a presentación do último libro de Xoán Carlos García Porral, un estudo sobre o “imaxinario popular” no que, baixo o título “De mouros, mouras e tesouros. A Comarca de Deza”, publicado por Edicións Fervenza, se recollen máis de 500 lendas desta zona.
No acto, que estará aberto ao público ata completar aforo, o autor estará acompañado polo antropólogo Xosé Manuel González Reboredo; o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García; o profesor e escritor, Matías Rodríguez da Torre; os ilustradores Lorena Recimil e Bernardo Insua; o empresario e presidente da Fundación Amigos de Galicia, Miguel Villar, e o xerente de Cooperativa Hoxe, Lito Andión.
A obra
De mouros, mouras e tesouros. A Comarca de Deza, é o resultado dun traballo de investigación de 15 anos no que se recompilaron un total de 516 lendas sobre a mourindade nos concellos da Comarca de Deza –que comprende os concellos de Agolada, Dozón, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces-.
Esta obra consta de tres partes definidas. A primeira céntrase nunha introdución xeral á función que ostentan os mouros, as mouras e os tesouros no imaxinario popular galego. Na segunda e máis extensa, reprodúcense as lendas destes concellos baixo orde alfabética das súas parroquias. E, por último, un estudo cuantitativo dos relatos recollidos segundo a súa temática e xeolocalización.
A maiores, recóllese un anexo cun enlace de Google Maps para poder visualizar as lendas xeolocalizadas segundo a súa temática e identificando cun símbolo distintivo; de xeito que picando nel ou poñendo o nome da parroquia ou o título da lenda no buscador, poderase visualizar a lenda e o espazo xeográfico ao que aparece vencellada.
Colaboracións
Esta publicación, editada por Edicións Fervenza, contou coa colaboración de Cooperativa Hoxe e o Restaurante Enxebre Porta do Sol de Lamela e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.
O autor
Xoán Carlos García Porral (Goiás, Lalín -Pontevedra-, 1974) Obtivo o grao de Doutor en Antropoloxía Social pola USC cunha tese sobre a modernización do rural mantendo a tradición cultural.
Conta cun Máster en Técnicas de Xestión Integral do Patrimonio Cultural polo CSIC e a USC. A súa actividade investigadora céntrase na difusión do patrimonio histórico-cultural da Comarca de Deza. Froito dela son os libros Goiás, vida dunha parroquia rural galega (Seminario de Estudios de Deza, 2002); Realidade eclesiástica do concello de Lalín na época postridentina (Seminario de Estudios de Deza, 2006, en coautoría con Óscar González Murado); Modernización rural e tradición cultural (Lóstrego, 2008); Lendas castrexas. Antropoloxía da tradición oral no concello de Lalín (Lóstrego, 2010); De Balbino a hoxe. Cambios e transformacións na aldea (Lóstrego, 2012); e O mundo dos castros. A comarca de Deza (Faro de Vigo, 2014, en coautoría con Antonio Presas García).
Como profesor no IES Pintor Colmeiro de Silleda e membro do seu Equipo de Normalización Lingüística, impulsou o proxecto A paisaxe lendaria e toponímica do Concello de Silleda, que resultou gañador do IX Proxecto Didáctico Antonio Fraguas do Museo do Pobo Galego (2014-15).
Ten publicada unha ducia de artigos nas revistas Descubrindo, A trabe de ouro e Lucensia, ademais de ser colaborador no xornal Faro de Vigo. Na teima de difundir o patrimonio inmaterial e o mantemento da identidade cultural no rural, imparte charlas en colexios, institutos, congresos e cursos de formación. Froito desta inquedanza e en colaboración con Antonio Presas García e Celso Fernández Sanmartín, no 2015 naceu o folleto 22 gramos de ouro.
Recentemente vén de publicar o libro de relatos, ambientado no rural, O último caseiro (Edicións Fervenza, 2017).