Feijóo presenta a Guía de Cores e materiais como o manual para unha paisaxe urbana coidada, harmoniosa e coherente

O presidente da Xunta no acto de presentación da guía
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presentou hoxe a Guía de Cores e materiais, o manual, aseverou, para unha paisaxe urbana coidada, harmoniosa e coherente. “Unha guía de man contra o feísmo para garantir unha diversidade harmoniosa no patrimonio arquitectónico galego”, dixo, e subliñou que, para que sexa realmente útil, a sociedade galega deberá asumir as súas recomendacións como propias.
Máis polo miúdo, Feijóo explicou que este manual está elaborado desde un amplo coñecemento da tradición galega. Non en van nel traballaron durante máis dun ano 34 profesionais con formacións diversas -desde arquitectos ata historiadores, pasando por arquitectos técnicos, enxeñeiros forestais e licenciados en Belas Artes-.
Tendo como base as doce áreas que recolle o catálogo da paisaxe, estes profesionais analizaron preto de 3.800 edificacións de todo tipo en núcleos rurais, urbanos e periurbanos e polígonos industriais. De tal xeito que as indicacións que se recollen optimizarán o xeito no cal as construcións se integran na paisaxe, tanto os edificios novos como os rehabilitados.
Catro tipos de edificacións
Durante o acto de presentación, o responsable do Goberno galego subliñou que en cada unha das áreas, a Guía de cores e materiais distingue catro tipos de edificacións, cada unha coas súas recomendacións concretas. Así, o primeiro tipo é a arquitectura tradicional e a súa evolución ata mediados do século XX, dentro da que se recomenda empregar para as súas rehabilitacións técnicas tradicionais, pedra da zona nos muros e carpintarías de madeira.
En segundo lugar, a arquitectura recente engloba toda a construída desde os anos 60, con distincións entre a urbana e a rural. Nestes casos, a guía ofrece liberdade de materiais e se centra nas cores, que deben ser coherentes coas da área na que se atopan a ter acabado mate.
A terceira tipoloxía que se recolle son as construcións illadas en solo rústico. E a cuarta, as edificacións industriais.
Así mesmo, a guía establece tamén límites máximos de luminosidade e saturación para todas as cores para garantir a harmonía do conxunto.
Ao longo da súa intervención, Feijóo subliñou que os catorce tomos da guía se poñen desde hoxe á disposición de todos os galegos e precisou que que para convertela nun patrimonio colectivo, se abrirá un proceso de participación con todos os actores do ámbito urbanístico e paisaxístico, desde concellos ata colexios e organizacións profesionais.
Antes de que remate 2018 estarán aprobadas as Directrices da paisaxe
Como exemplo do esforzo da Xunta por mellorar a paisaxe urbana de Galicia, o presidente do Executivo autonómico anunciou que antes de que remate 2018 estarán aprobadas as Directrices da paisaxe.
Nesta mesma liña, lembrou que na actualidade Galicia ten unha maior calidade urbanística que a que tiña en 2009. “A mediados de 2018 teremos un Plan básico autonómico. E a finais de 2019 estarán aprobados os primeiros plans básicos municipais, que facilitarán a ordenación urbanística nos concellos de menos de 5.000 habitantes”, dixo.
Feijóo concluíu destacando o traballo feito de cara á ordenación urbanística e á posta en valor da paisaxe, xa que todo iso, asegurou, axuda a compatibilizar crecemento económico con respecto á paisaxe; a lograr unha terra mellor na que vivir e unha Galicia máis harmoniosa.
“O respecto ao medio natural non ten por que ser un freo ao crecemento económico, senón que pode ser un catalizador que o faga máis sustentable e duradeiro e o traduza en máis calidade de vida. Esta é a filosofía da que debe partir o traballo por unha nova cultura ambiental”, sentenciou, incidindo en que esta é a filosofía que guiou todos os documentos que se levan elaborado neste sentido como as Directrices de ordenación do territorio, o Plan de ordenación do litoral, a nova Lei do solo, a Lei de medidas urxentes, os instrumentos de ordenación urbanística de carácter provisional, a Estratexia da paisaxe galega, e o Catálogo, que divide o territorio en 12 grandes áreas paisaxísticas.