A Xunta apoia o proxecto de irmanamento de Boiro, A Baña, Rois e Curtis ao abeiro de Europa coa cidadanía

Cecilia Vázquez dá conta do proxecto de irmanamento dos concellos de Boiro, A Baña, Rois e Curtis. Foto: X. Crespo
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia, Cecilia Vázquez, deu conta hoxe en rolda de prensa do proxecto de irmanamento dos concellos de Boiro, A Baña, Rois e Curtis a través do programa Europa coa cidadanía da Unión Europea.
Este programa da Unión Europea ten como obxectivo difundir información e prestar asesoramento aos operadores culturais e achegar Europa aos cidadáns, aumentando o seu nivel de concienciación e comprensión sobre o continente. Promovendo deste xeito a cidadanía europea, o programa apoia cada ano distintas accións, entre eles, o irmanamento de cidades.
A iniciativa dos concellos de Curtis, Rois, A Baña e Boiro de participar neste programa tanto para acoller a participantes en Galicia como para que mozos e mozas galegos participen noutros países, favorece que a mocidade poida ter novas oportunidades para o entendemento mutuo con outros rapaces e rapazas de Europa e promove a solidariedade na aprendizaxe intercultural, así como o compromiso social e o voluntariado.
A titular autonómica explicou que “é unha excelente oportunidade para fomentar a participación da mocidade na vida democrática da UE, animándoos a reflexionar sobre as características esenciais da sociedade europea coa finalidade de dar a coñecer as moitas oportunidades que a cidadanía europea proporciona”.
Cecilia Vázquez lembrou que desde a Xunta de Galicia “apóianse todas aquelas accións nas cales a xuventude poida ter unha participación activa e cívica en todas aquelas políticas, actividades e proxectos que sexan de proveito para o seu futuro”.
Nos últimos tres anos, foron aprobados 676 proxectos ao abeiro de Europa coa cidadanía. Dos 16 que foron concedidos a España, 4 deles corresponden a Galicia.