publicidade hoxe

“Cabanas sen barreiras” é o único proxecto de aloxamento turístico accesible para persoas con discapacidade existente en Galicia

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e a directora xeral de Turismo de Galicia, Nava Castro, inauguraron esta tarde o proxecto de aloxamento accesible para persoas con discapacidade Cabanas sen barreiras, situado no Concello de Outes e impulsado polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro seo de Fisterra Ría de Muros Noia (GALP 4). Este proxecto é o único das súas características en Galicia e foi subvencionado pola Consellería do Mar con 200.000 euros, ao abeiro das axudas de 2016 para proxectos dos GALP.

A conselleira, que tamén estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, trasladou que o proxecto mestura innovación, sustentabilidade, responsabilidade, compromiso, accesibilidade e diferenciación polo material empregado na construción, que encaixa perfectamente coa contorna, pola dinamización social e turística que promove e por estar ao alcance de todos.

A conselleira lembrou que ata 2020 a Xunta porá a disposición dos GALP un investimento de 57 millóns de euros para desenvolver proxectos dos GALP ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo. Así, recordou que no período 2009-2016 a Consellería do Mar cofinanciou 427 proxectos por importe de 27 millóns de euros, ao abeiro dos que se crearon 250 empregos.

Finalmente, a titular de Mar, felicitou aos promotores do proxecto porque son un exemplo de dinamización socioeconómica das zonas de pesca e promoven, entre outros aspectos, o emprego, a diversificación das actividades realizadas no marco da pesca e o patrimonio cultural pesqueiro, acuícola e marítimo.
Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, tamén felicitou aos impulsores da iniciativa, que comparten o mesmo espírito que inspira o Plan de accesibilidade turística e do Camiño de Santiago, presentado o pasado mes de xullo, e que aspira a converter a nosa Comunidade nun referente do turismo inclusivo. A través del, facilítase que as persoas con diversidade funcional podan gozar dos recursos e experiencias que o sector ofrece.
Nava Castro expresou o seu desexo de que as cabanas de Outes sirvan de aliciente para outros proxectos. “Tamén pretendemos que o sexan os nosos albergues do Camiño de Santiago, nos que adaptamos aseos e habitacións, eliminamos barreiras arquitectónicas e introducimos sinalización accesible para persoas con discapacidade visual”, declarou.

‘Cabanas sen barreiras’

Este proxecto consiste na creación de seis cabanas de aloxamento entre as pólas das árbores totalmente accesible para persoas con mobilidade reducida e discapacidades auditivas ou visuais. Trátase dunha iniciativa que está totalmente integrada no medio natural e que busca, sinalou a titular de Mar, que as persoas con discapacidade poidan desfrutar do mesmo xeito que o resto da poboación dunha oferta turística de calidade na ría de Muros e Noia.

20 de setembro de 2017 | 19:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.