publicidade hoxe

As descargas de mexillón aumentaron un 33% no primeiro semestre do ano con respecto ao mesmo período de 2016

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoiroGaliciaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+
Rosa Quintana na visita a unha batea en Boiro

Rosa Quintana na visita a unha batea en Boiro

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañada pola directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez visitou esta mañá unha batea en Boiro, pertencente á Organización de Produtores de Mexillón de Galicia (Opmega). Alí trasladou que as descargas de mexillón en Galicia aumentaron máis dun 33% no primeiro semestre deste ano con respecto ao mesmo período de 2016. Así, sinalou que no primeiro semestre de 2017 se descargaron preto de 80.000 toneladas de mexillón fronte ás máis de 60.000 do mesmo período do ano anterior.

Así, tendo en conta os datos de 2016, o último ano do que se dispoñen de cifras oficiais pechadas, a conselleira destacou o aumento de case un 6% nas descargas con respecto ao 2009, que pasou de máis de 225.000 toneladas no 2009 fronte a máis de 239.000 do ano 2016. Neste sentido, a conselleira tamén fixo fincapé no aumento da facturación acadada nestas dúas anualidades, que aumentou case un 19% no ano 2016 con respecto a 2009, pasando de máis de 88,6 millóns de euros a máis de 109 millóns.

Nesta liña, Rosa Quintana sinalou que a Xunta aposta por seguir sendo unha comunidade líder no eido do cultivo de mexillón e adiantou que mañá o Consello da Xunta avaliará un informe no que se dá conta da aprobación das axudas de investimentos produtivos en acuicultura de 2016. Así, explicou que se concederon 64 axudas por importe de 1,7 millóns de euros, das cales máis do 82% foron para bateeiros.

Así mesmo, Rosa Quintana destacou o potencial do sector bateeiro como máximo expoñente da acuicultura en Galicia. Por este motivo e de cara a simplificar os procesos administrativos, a conselleira recordou que a Xunta ampliou o prazo de duración das concesións de ocupación de dominio público marítimo-terrestre, fundamentalmente bateas de mexillón, de 30 a 50 anos, en consonancia coa Lei de Costas do Estado e ao abeiro da Lei de Medidas de Acompañamento, que entrou en febreiro en vigor. Ademais, a conselleira engadiu que na primeira lexislatura, a Xunta puxo a cero os contadores das concesións bateeiras para que os seus donos puidesen seguir traballándoas.

Opmega

A Organización de Produtores de Mexillón de Galicia, Opmega, creouse en 1986. Na actualidade está integrada por 753 bateas e 522 socios das rías de Muros e Noia, Arousa, Pontevedra e Vigo, que se organizan co fin de defender de forma conxunta os seus intereses.

20 de setembro de 2017 | 17:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.