publicidade hoxe

A nova edición de ‘De tapas por Galicia’ achegará o mellor da gastronomía galega nas sete grandes cidades

Nava Castro na presentación da campaña en Madrid

Nava Castro na presentación da campaña en Madrid

Coa intención de impulsar e fomentar o turismo gastronómico e urbano no mercado nacional e internacional, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou esta mañá en Madrid a campaña De tapas por Galicia, unha iniciativa impulsada pola Administración autonómica que reúne baixo unha mesma marca os concursos e certames de cociña que se celebran nas sete cidades galegas e que, na súa fase final, permitirá escoller a mellor tapa de Galicia do ano.

Como explicou Nava Castro durante a presentación, certames como este están a amosar a súa efectividade á hora de posicionar Galicia como destino gastronómico de calidade, a través dunha gastronomía que é xa unha das principais fortalezas e tamén unha das mellores cartas de presentación do noso destino. “É o segundo motivo polo que os turistas deciden vir á nosa Comunidade e un dos elementos que mellor permite desestacionalizar o noso turismo porque podemos gozar dela en calquera época do ano”, lembrou a directora.

O acto de presentación desta nova edición contou coa participación do cociñeiro Julio Biernert, encargado de conducir o encontro, e do chef do restaurante Gastrobar Sanmiguel, de Ourense e gañador da III Gala Show Cooking Mellor cociñeiro de Tapas por Galicia 2016, que presentou a tapa gañadora do ano pasado Vieira de Outono.

Ruta gastronómica

De tapas por Galicia permitirá percorrer ata final de ano as diferentes cidades participantes probando os seus mellores sabores. A primeira parada será Lugo, do 1 ao 17 de setembro co Concurso de tapas de Lugo e continuará na Coruña do 15 de setembro ao 1 de outubro, co Concurso de Tapas Picadillo. Durante os meses de outubro e novembro, o certame trasládase ás cidades de Pontevedra, co certame Pontedetapas e Ourense, onde se desenvolverá Sabores de Ourense, do 31 de outubro ao 12 de novembro.

Para culminar o recorrido, o mes de novembro terán lugar os certames Tapéate Ferrol, na cidade de Ferrol do 3 ao 12; Santiago(é)Tapas, en Santiago de Compostela, do 2 ao 19 e O Petisquiño, en Vigo tamén nas mesmas datas.

O certame tamén animará aos participantes a converterse nun particular xurado e ao mesmo tempo prescriptores dos produtos galegos. Porque as persoas que participen nalgún destes concursos probando as tapas poderán votar a súa preferida e optar a gañar un dos premios de fin de semana con noite de hotel e cena gourmet nalgún dos restaurantes participantes.

A actividade promocional que hoxe comezou en Madrid continuará nos próximos días en cidades como Segovia, Zamora, León, Avilés, Xixón, Santiago de Compostela ou nas localidades portuguesas de Braga e Vilanova de Gaia.

7 de setembro de 2017 | 16:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.