publicidade hoxe

Xunta, Deputación de Pontevedra e Concello de Tomiño asinan o acordo para executar as actuacións que resolverán a conxestión de tráfico en Seixo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPortada esquerdaTomiño
A-
A+
Ethel Vázquez na sinatura do convenio coa Deputación e o Concello de Tomiño

Ethel Vázquez na sinatura do convenio coa Deputación e o Concello de Tomiño

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, asinou hoxe coa presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e coa alcaldesa de Tomiño, Sandra González, o acordo de colaboración para executar as actuacións que resolverán a conxestión de tráfico en Seixo, reforzarán a seguridade viaria e mellorarán a mobilidade dos veciños deste municipio.

Vázquez Mourelle explicou que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o inicio do trámite expropiatorio co anuncio polo que se somete a información pública o proxecto de trazado. Precisou que a Xunta contribúe a esta actuación con case 1 millón de euros, asumindo a responsabilidade de financiar e tramitar as expropiacións necesarias. A Deputación de Pontevedra, que deseñou a estrada e será a futura titular, levará a cabo as obras de construción.

Trátase de executar unha estrada que permita cruzar de norte a sur da capitalidade do concello de Tomiño sen necesidade de pasar polo centro. Neste sentido, a actuación favorecerá o acceso aos equipamentos públicos que hai na zona como o Centro de Saúde, o instituto e o colexio, o centro de día ou as instalacións deportivas.

A titular de Infraestruturas indicou que este proxecto vai en consonancia coa planificación de estradas da Xunta de Galicia, sacando os tráficos de longo percorrido do centro das vilas para aliviar as molestias aos veciños ao tempo que se melloran as conexións cos equipamentos públicos.

Unha vez construída a variante, que liberará de tráfico o núcleo de Seixo, o Concello de Tomiño asumirá a titularidade do treito da estrada autonómica, de 1 km aproximadamente, posto que este tramo pasará a ter un tráfico maioritariamente urbano e haberá unha alternativa viaria.

A conselleira destacou que estas obras acometeranse no marco dun acto de colaboración entre tres administracións públicas, que están a sumar os seus esforzos para aumentar a seguridade e comodidade dos veciños de Tomiño.

4 de agosto de 2017 | 13:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.