publicidade hoxe

O número de visitantes á Illa de Sálvora medra un 56%

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPortada dereitaRiveira
A-
A+

A Illa de Sálvora recibiu desde xaneiro e ata o pasado mes de xullo a 9.469 visitantes, isto é, un 55,8 por cento máis con respecto ao mesmo período en 2016. Deste xeito, este enclave, un dos catro arquipélagos que conforman o Parque Nacional das Illas Atlánticas, consolídase como un dos destinos turísticos por excelencia da Ría de Arousa. Así o manifestou a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, que esta mañá visitou, xunto co conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, a Illa de Sálvora con motivo do remate dos traballos de recuperación e conservación realizados en colaboración coa Asociación Amicos de Ribeira.

A titular do departamento autonómico sinalou que as cifras constatan o “interese crecente” que Sálvora comparte co resto do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, un espazo que, no que levamos de ano, acolleu xa a máis de 220.000 visitantes. En concreto, 222.491, un 18,8 por cento máis con respecto ao mesmo período en 2016. Neste senso, a conselleira salientou que estes resultados acádanse, en boa medida, grazas ao esforzo da Xunta por un programa de promoción e divulgación de turismo sostible.

Deste modo, Beatriz Mato destacou o compromiso da Xunta pola protección e posta en valor da riqueza que representan os Parques Naturais no seu conxunto, así como, en xeral, todo o patrimonio natural da Comunidade.

Pola súa banda, o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, valorou a decidida aposta da Xunta de Galicia por promover as actividades de voluntariado ambiental e puxo en valor o papel que teñen os participantes destes programas ao “contribuír a coidar dun xeito solidario e altruísta un dos nosos bens máis prezados como é o patrimonio natural”.

Ademais, o conselleiro referiuse á importancia que as accións relacionadas co coñecemento, coidado e protección do medio ambiente teñen na Campaña de Verán que ten en marcha o Goberno galego, a cal é unha das máis importantes de España, tanto pola ampla programación como polo número de prazas que oferta, máis de 9500.

Por último, Rey Varela destacou o feito de que dúas Consellerías como a de Política Social e a de Medio Ambiente “unan esforzos na conservación do patrimonio natural xunto a outras administración e coa implicación e valores da xuventude”.

Preto de 150.000 euros de inversión en Sálvora

“Pero eses valores hai que coidalos -engadiu Beatriz Mato- e, para facelo, na Consellería de Medio Ambiente traballamos arreo nese eido. Por iso, no caso concreto de Sálvora, levamos a cabo a consolidación da súa aldea”. Nos dous últimos anos investíronse 48.000 euros para rehabilitar inmobles e hórreos, reparar tellados das casas, renovar os paneis interpretativos e sinais indicadoras e para facer recompilación de útiles (potas, cubertos ou pezas de mobiliario…; recompiladas para a súa futura exposición ao público).

Ademais, “o pasado ano investimos preto de 100.000 euros (en concreto, 98.780) noutra serie de melloras: arranxo de camiños, prevención de incendios (desbroces), trampeo de visón americano, elaboración do dossier para recibir a Carta Europea de Turismo Sustentable, material divulgativo e seguimento de aves mariñas”.

Pero, dixo Mato Otero, “queremos máis” e nos vindeiros meses levaranse a cabo diversos traballos de estudo, protección e conservación dos valores naturais do espazo insular por valor de 150.000 euros. A maiores a responsable destacou que estgamos a piques de asinar un convenio co Ministerio por valor superior aos 300.000 euros Do mesmo xeito, a responsable do departamento autonómico destacou o compromiso do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente de colaborar na posta en marcha de medidas para a preservación de especies e investigación en Sálvora cuxo investimento ascende a 385.000 euros.

En definitiva, “a Xunta traballa, coa colaboración do resto das administracións e a axuda dos voluntarios, para garantir a máxima conservación deste espazo natural protexido e lograr, entre todos,

Avanza a tramitación do BIC

Por outra banda, Beatriz Mato asegurou que a Illa de Sálvora conta cun gran valor natural e medioambiental e paisaxístico, e, especialmente, cun enorme valor etnográfico e cultural, o que “a fai merecedora dun recoñecemento maior”. Así, o pasado mes de febreiro “anunciei que esta illa converterase no primeiro Paisaxe Cultural declarado BIC (Ben de Interese Cultural)”. A este fío, a titular de Medio Ambiente indicou que avanza a tramitación coa entrada en vigor do réxime provisional de protección.

En definitiva, “a Xunta traballa, coa colaboración do resto das administracións e a axuda dos voluntarios, para garantir a máxima conservación deste espazo natural protexido e lograr, entre todos, o obxectivo da posta en valor de Sálvora para convertela nun espazo máis coñecido e atractivo para os galegos e e para os que nos visitan”.

22 de agosto de 2017 | 15:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.