publicidade hoxe

Máis dun cento de serradoiros investirán 36 millóns no rural a través das axudas para tecnoloxías forestais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaValga
A-
A+

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá a empresa Serrerías Rodríguez, en Valga, que foi unha das beneficiarias no 2016 da orde de axudas para investimentos en tecnoloxías forestais, procesado, mobilización e comercialización de produtos forestais. Alí, a titular de Medio Rural sinalou que xa está resolta tamén a convocatoria deste ano, que sairá publicada en breve no Diario Oficial de Galicia e que xa se está comunicando aos interesados.

En concreto, neste 2017 son 114 expedientes aprobados cun investimento de 35,8 millóns de euros e que recibirán unha achega de preto de 9,6 millóns de euros da consellería co obxectivo de facelas máis competitivas. A estes súmanse os 114 expedientes aprobados no 2016, polo que nestes últimos dous anos foron un total de 228 beneficiarios cunha axuda total de 19,2 millóns de euros para un investimento mobilizado de 63,5 millóns de euros.

Precisamente a través desta orde, a compañía Serrerías Rodríguez recibiu no 2016 máis de 33.432 euros para mercar unha descortezadora de 87.980 euros. Polo tanto, o 38% do investimento foi facilitado pola Xunta. Non é o único apoio que leva recibido desta consellería, anos atrás contou coa súa colaboración para un escáner tridimensional.

A conselleira, que estivo acompañada polo alcalde deste municipio pontevedrés, José María Bello, destacou a importancia destas achegas para contar cun sector forestal moderno e competitivo e máis aínda cando falamos de pequenas e medianas empresas, que son as posibles beneficiarias desta orde de axudas. “Deste xeito contribuímos á creación e conservación do emprego, con rendas dignas para o rural, ao tempo que se garante a xestión sostible dos recursos naturais”, declarou Ángeles Vázquez. De feito, os serradoiros galegos empregan a máis de 9.500 traballadores de maneira directa.

Serrerías Rodríguez

As instalacións de Serrerías Rodríguez teñen unha superficie total de parcela de 45.000 metros cadrados con 7.500 cubertos, destinado a fabricación, almacenaxe, oficinas e secadoiros. Ten un balance anual superior aos seis millóns de euros e conta con 17 traballadores entre directivos, administrativos, 6 operarios de transporte e de fábrica. O seu consumo anual de materias primas ronda as 112.000 toneladas e produce máis de 58.500 metros cadrados de produtos elaborados anualmente, principalmente palets e carpintería.

22 de agosto de 2017 | 14:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.