publicidade hoxe

Deputación da Coruña, concellos da Coruña e Sada e iniciativas pola memoria suman forzas para impedir a apoloxía do franquismo no Pazo de Meirás

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaGaliciaLocal PortadaPortada dereitaSada
A-
A+

A realización dun informe para a devolución a titularidade pública do Pazo de Meirás é un dos acordos da reunión mantida hoxe na Deputación da Coruña que tiña como obxecto avaliar e tomar decisións a respecto da situación creada polo encargo á Fundación Francisco Franco da xestión das visitas ao Pazo de Meirás.

A xuntanza, convocada pola vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, respondía á situación creada despois de se facer público que a familia encargou á Fundación Francisco Franco o desenvolvemento do programa de visitas ao Pazo de Meirás, obrigado pola súa condición de Ben de Interese Cultural (BIC) e as posteriores declaracións por parte da entidade confirmando que ían utilizar este mecanismo para facer apoloxía do franquismo.

Ademais da vicepresidenta, Goretti Sanmartín, asistiron á xuntanza o deputado e alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández Piñeiro, ademais do alcalde de Sada, Benito Portela, o deputado de Cultura da Coruña, Xosé Manuel Sande, o vicerreitor da Universidade da Coruña, Alberto Valderruten, e os representantes da Iniciativa Galega da Memoria, Montse Fajardo, Luis Bará e Mila Bouzón, da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, Carlos Babío, Erik Doaño e Manuel Pérez e o investigador Emilio Grandío, director do proxecto Xeración Perdida da Deputación da Coruña. estudar a represión nas corporacións municipais dos concellos da Coruña.

No transcurso da reunión tomáronse os seguintes acordos:

1.- Rexeitar a xestión por parte da Fundación Francisco Franco do programa de visitas ao Pazo de Meirás e condenar as declaracións manifestadas a través dun comunicado e do seu portavoz de apoloxía do franquismo.
2.- Instar ao estudo da modificación da Lei de Fundacións con obxecto de impedir a legalidade de fundacións que fagan apoloxía do franquismo.
3.- Realizar un estudo arredor do espolio e a apropiación do Pazo de Meirás por parte da familia Franco e sobre o proceso para posibilitar a súa devolución ao patrimonio público.
4.-Reclamar a aprobación dunha Lei Galega da Memoria Histórica galega que impida o ensalzamento dos protagonistas da represión.
5.-Constituír con carácter inmediato unha Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás coa participación de institucións, asociacións, organizacións políticas, sociais, sindicais e fundacións co fin de reclamar a restitución da propiedade do Pazo de Meirás. As institucións e entidades participantes, Deputación da Coruña, concellos da Coruña e Sada, Universidade da Coruña, IGM e CRMHC amosaron a súa intención de se incorporar desde o inicio á Xunta.

9 de agosto de 2017 | 14:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.