O Programa de desenvolvemento rural 2014-2020 acumula unha execución de 115 millóns de euros

Reunión do comité en Leiro
O Comité de Seguimento do Programa de Desenvolvemento Rural 2014-2020 acaba de reunirse en Leiro, Ourense, para analizar o grao de execución do PDR que chega xa a 115 millóns de euros. Como cada ano por estas datas convócase este encontro, presidido pola secretaria xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, Carmen Bouso, para valorar o avance dos proxectos e iniciativas desenvolvidos a través deste programa.
Nesta reunión deuse conta da aprobación de axudas por máis de 400 millóns de euros, o que supón que estea comprometido o 33% do total do importe programado no PDR para todo o período 2014-2020. Cómpre destacar que no ano 2016, o primeiro exercicio de posta en marcha deste PDR, chegáronse xa a executar 95 millóns de euros.
Ao comité de seguimento, ademais de todos os entes da Xunta implicados na xestión deste programa, asistiron os axentes sociais con representación no medio rural, portavoces da Comisión Europea e do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente. Aprovéitase neste foro para escoitar as inquietudes e suxestións do sector de cara a seguir avanzando na mellor execución dun programa de case 1.200 millóns de euros para o desenvolvemento do rural galego. Este programa dá continuidade á política de desenvolvemento rural que ven realizando a Xunta co apoio deste fondos comunitarios Feader, máis concretamente a través do PDR 2007-2013, que finalizou a súa vixencia a finais de 2015.
Liñas de actuación
O PDR de Galicia 2014-2020 establece tres liñas básicas de actuación, de acordo cos obxectivos definidos pola Política Agraria Común. En primeiro lugar, fomentar a competitividade da agricultura galega mediante a modernización das explotacións agrícolas e forestais, a incorporación de agricultores mozos, a ordenación do territorio e a mellora da produtividade da industria agroalimentaria e forestal, promovendo a produción de alto valor engadido.
En segundo termo, conservar e revalorizar o patrimonio natural de Galicia, promover a xestión sustentable dos recursos naturais e a loita contra o cambio climático. Por último, a terceira gran liña de traballo do PDR busca mellorar a calidade de vida da poboación rural, fomentando a prestación de servizos básicos que axuden á súa fixación no territorio, a creación de emprego e a redución do risco de pobreza.