O Cetmar e os socios do proxecto LifeiSEAS poñen en valor as especies mariñas descartadas nunha planta piloto situada en Marín

Xornada de demostración
O Centro Tecnolóxico do Mar (Cetmar) e os seus socios no proxecto LifeiSEAS, financiado pola Unión Europea, reuníronse hoxe nunha xornada de demostración sobre novas vías de valorización de biomasa asociada á obriga de desembarque. Nela visitaron a planta piloto para o procesado integral e a valorización dos descartes, ubicada no edificio da Organización de Produtores de Pesca Fresca do Porto e Ría de Marín (Opromar), no peirao de Marín, e construída no marco deste proxecto, do que Opromar é socio.
Esta planta piloto está destinada a procesar a biomasa antes descartada para diferentes tipos de usos, entre eles a elaboración de produtos para o consumo humano a partir de especies que están sendo actualmente descartadas. O obxectivo é facer o mellor uso posible da biomasa actualmente descartada e fomentar o seu aproveitamento sustentable. Deste xeito posibilitará que a captura descartada poida ser procesada e comercializada. Para iso integra as unidades de procesado xunto con ferramentas e protocolos de loxística, comercialización e xestión e divídese en tres zonas. Unha área de almacenamento en frío, unha sala de elaboración de produtos para o consumo humano, na que se centrou a visita de hoxe, e unha sala de elaboración de produtos para outros usos.
Na sala de elaboración obtéñense diversos produtos e pastas alimentarias, principalmente músculo de peixe de alta calidade que se utiliza como materia prima para a elaboración de diferentes produtos como hamburguesas, nuggets e palitos de peixe, a partir dos que se poden elaborar numerosas receitas. Na sala de elaboración de produtos para outros usos obteranse aqueles como hidrolizados de peixe, coláxenos, xelatinas e cartílago, de aplicación no eido farmacolóxico e da cosmética.
Na apertura desta xornada participou a directora do Cetmar, Paloma Rueda, xunto co presidente da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra, José Benito Suárez, e o seu obxectivo é a presentación dos principais obxectivos e resultados esperados do proxecto, así como a presentación da planta piloto.
Así, na xornada tamén participaron outros socios do proxecto como o director xerente de Opromar, Juan Carlos Martín Fragueiro, que falou sobre a obriga de desembarque de capturas asociada á Política Común de Pesca. Ademais o profesor de investigación do Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC, Ricardo Pérez, explicou as posibilidades de aproveitamento e valorización dos descartes pesqueiros que aborda o proxecto LifeiSEAS.
O proxecto LifeiSEAS
O proxecto LifeiSEAS comezou a desenvolverse en xuño de 2014 e estará vixente ata finais de xuño de 2018. Está financiado pola Unión Europea a través do Programa Life e está coordinado polo Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC, un dos socios xunto co Cetmar. O seu principal obxectivo é demostrar que un escenario sustentable é posible nas pesqueiras da UE e para iso o proxecto achega solucións innovadoras para a redución e xestión dos descartes pesqueiros.
Ademais do coordinador do proxecto e do Cetmar, conta con socios tanto públicos como empresas privadas, que contribúen a alcanzar os seus obxectivos. Entre eles o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), a Universidade de Santiago de Compostela (USC), o Instituto Español de Oceanografía (IEO), a Organización de Productores de Pesca Fresca del Puerto y Ría de Marín (OPROMAR) e Talleres Josmar SL.