publicidade hoxe

A Policía Autonómica esclarece dous incendios forestais en Maceda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMacedaPortada dereitaSucesos
A-
A+

Axentes da Policía Autonómica da Xefatura de Ourense informaron hoxe do esclarecemento de dous incendios forestais no concello de Maceda, na provincia de Ourense. Axentes da Policía Autonómica da xefatura de Ourense procederon á imputación dun home como presunto autor de dous incendios forestais, ocorridos o 28 de abril e o 12 de xuño, na parroquia de Zorelle. Ambos afectaron á mesma finca: no primeiro quedaron afectadas 0,24 hectáreas de superficie arborada, e no segundo 0,04 hectáreas de monte arborado e raso.

O lume ocorrido esta semana produciuse tras unha queima de restos forestais, que se realizou sen contar co correspondente permiso e sen gardar as debidas precaucións. Na extinción participaron efectivos do servizo contra incendios da Xunta. Tras as investigacións realizadas polo grupo de incendios, ditaminouse que o imputado fora tamén o autor do lume que se rexistrou en abril na mesma finca. Polos feitos instruíronse dilixencias remitidas ao Xulgado de instrución de Garda en Ourense.

Na actual campaña anti-incendios forestais do 2017, un total de 48 persoas foron detidas/investigadas pola Policía Autonómica como presuntas autoras de incendios forestais.

15 de xuño de 2017 | 16:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.