Galicia elabora o primeiro atlas que identifica os organismos que poden alterar o estado dos moluscos bivalvos

Rosa Quintana na presentación da publicación
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe na presentación da obra científica Atlas de histopatoloxía: moluscos bivalvos mariños de Galicia, de Susana Darriba, xefa da unidade de patoloxía Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar). Segundo explicou a titular de Mar, esta publicación é o primeiro atlas histopatolóxico que reúne o amplo abano de organismos que entran en simbiose cos moluscos bivalvos mariños que poden chegar a alterar o seu estado normal.
Na presentación a conselleira estivo acompañada pola autora, pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e pola directora do Intecmar, Covadonga Salgado e alí destacou que o atlas servirá de manual para facilitar a identificación dos organismos e das alteracións patolóxicas que se atopan nos moluscos bivalvos mariños das costas galegas. Ademais tamén servirá, engadiu, para que o persoal que participe no ensaio histopatolóxico estea capacitado para identificar organismos patóxenos e para realizar unha valoración final que permita obter unha diagnose.
Rosa Quintana explicou que a publicación contén fotografías orixinais realizadas sobre preparacións histolóxicas reais de moluscos bivalvos procedentes das zonas de produción da costa galega e engadiu que todas as mostras foron procesadas integramente na unidade de patoloxía do Intecmar. Ademais felicitou a Susana Darriba pola súa publicación e destacou que dirixiu unha obra moi completa, tanto na técnica empregada na súa realización como no material presentado.
Este estudo, subliñou, enmárcase no labor que o Intecmar realiza no eido da sanidade animal, que consiste no control de patoloxías en moluscos bivalvos mariños. Un traballo que Rosa Quintana definiu como fundamental para dar cumprimento á lexislación relativa aos requisitos zoosanitarios dos animais e produtos da acuicultura e tamén para previr determinadas patoloxías nas principais especies comerciais que se explotan en Galicia.
Por outra banda, a conselleira do Mar sinalou que o atlas ten que ver coa importancia social do marisqueo e co traballo que a Xunta realiza para fomentar os ingresos procedentes da actividade extractiva e, en correspondencia, incrementar os postos de traballo vinculados ao marisqueo.
Neste sentido, Rosa Quintana lembrou que a Xunta impulsa o marisqueo a través de tres liñas estratéxicas. A primeira delas é o outorgamento de máis permisos de explotación. De feito, lembrou a conselleira, no 2015 concedeuse o número máis alto de permex de marisqueo a pé da década, un total de 375.
A segunda liña que citou a conselleira é o plan de rexeneración de zonas improdutivas, a través do que se recuperaron máis de 8 millóns de metros cadrados de superficie. Por último, a terceira liña que sinalou é a da reinstalación de moluscos en batea, que desde o 2012 ao 2016 permitiu a extracción e posta no mercado en condicións hixiénico–sanitarias óptimas de 600 toneladas de moluscos bivalvos procedentes das zonas C.
Estas accións, subliñou a titular de Mar, tradúcense en datos de importancia socioeconómica. De feito, destacou, entre outros que no 2016 acadáronse máis de 70 millóns de euros da primeira venda de moluscos bivalvos, fronte aos preto de 64 millóns de euros de 2015.