publicidade hoxe

Feijóo obtén o compromiso do Ministerio de Agricultura de aprobar o decreto que certifique a orixe dos produtos lácteos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+
O presidente da Xunta na visita ás instalacións de Clun

O presidente da Xunta na visita ás instalacións de Clun

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe o compromiso do Ministerio de Agricultura de aprobar un decreto que certifique a orixe dos produtos lácteos, de tal xeito que calquera consumidor poida saber nun supermercado cales son os produtos lácteos que proveñen de Galicia.

Logo dunha xuntanza mantida a semana pasada coa ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, Feijóo trasladou a conformidade do Goberno de España –e de acordo coa normativa europea- de aprobar o real decreto para que todos os produtos lácteos que se envasen no país acrediten a orixe do leite dese produto. “Queremos que os consumidores saiban que o leite que están consumindo é leite galego. E se sumamos o selo de Galega 100% ás posibilidades deste real decreto para concretar a orixe dos produtos poderemos conseguir que os consumidores saiban de onde vén o leite, onde se envasa e que produto están consumindo”, aseverou, expresando o interese de que o novo texto se poida aprobar e publicar no primeiro semestre deste ano.

Durante unha visita ás instalacións da nova cooperativa láctea Clun (Cooperativas Lácteas Unidas), Feijóo lembrou que co apoio do Goberno galego o sector está a traballar cara a un futuro mellor a través da mellora da produtividade, da aposta pola innovación e da defensa da calidade, os tres piares, insistiu, nos que asentar o crecemento do sector lácteo galego a medio e longo prazo.

Feijóo reiterou o compromiso do Executivo autonómico de facer desta lexislatura a lexislatura do rural: do crecemento da produtividade, da innovación e da posta en valor da calidade.

Ao respecto, destacou a aposta de cooperativas como Clun pola produtividade do sector. Non en van, neste mes e medio Cooperativas Lácteas Unidas logrou reducir os gastos fixos aos que tiñan que facer fronte Feiraco, Melisanto e Os Irmandiños. A unión das tres fábricas de pensos, os tres surtidores de gasóleo e as cinco tendas agrarias permite obter mellores prezos nas subministracións. A unión dos máis de 3.500 produtores permite que Clun teña unha interlocución máis potente na industria e na transformación e a unión dos servizos técnicos e económicos permiten traballar de xeito máis eficiente para mellorar as explotacións e os custos de produción.

No eido da innovación, o responsable autonómico afirmou que o nacemento desta cooperativa permitiu tamén apostar con máis forza por este eixo para mellorar os procesos do día a día da vida gandeira. E neste sentido referiuse a modo de exemplo ao proxecto Cattlecare, que está a desenvolver diversas ferramentas para mellorar a xestión das explotacións gandeiras como a monitorización do gando para entender mellor o seu comportamento e poder establecer patróns e mellora da xestión de recursos como os pensos, a través da comprobación a tempo real do estado dos silos.

Confianza en Galicia e no sector

Ademais do Cattlecare, Feijóo subliñou que a Xunta –a través do programa Conecta Peme- está a apoiar outros proxectos enmarcados dentro do sector, entre os que destacou unha iniciativa que aplicará a nanotecnoloxía para desenvolver alimentos funcionais para persoas con alerxias e intolerancias alimentarias e outra encamiñada a desenvolver tecnoloxías que detecten micotoxinas nos pensos.

O presidente da Xunta subliñou tamén o apoio para promover proxectos de dinamización do sector gandeiro como o impulso dunha plataforma para investigar sobre o concepto de granxa intelixente ou dun método de xestión integral da explotación gandeira desde calquera dispositivo con acceso a internet.

Ao longo da súa intervención, Feijóo afirmou que cada vez hai máis empresas que confían en Galicia e no sector, como proba a posta en marcha dun proxecto en Melide para construír unha torre de secado do leite, o investimento de 16 millóns de euros en Vilalba para ampliar unha planta queixeira, o nacemento en Arzúa dunha empresa para producir queixo de tipo parmesano e a iniciativa de investir en Teixeiro 70 millóns para a fabricación de alimentos funcionais, clínicos, deportivos e infantís.

Despois de subliñar que unha de cada dez explotacións xa están dirixidas por mozos menores de 30 anos, o titular da Xunta afirmou que a Administración autonómica seguirá comprometida coa industria láctea e cos gandeiros, a través de iniciativas como un paquete de máis de 40 millóns de euros para mellorar as condicións financeiras das explotacións gandeiras.

14 de febreiro de 2017 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.