publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Os servizos sociais de Carnota activan un “Banco de Leña” para combatir a pobreza enerxética

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarnotaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

O goberno municipal do Concello de Carnota anuncia que desde esta semana pon en marcha o Banco de Leña, unha pioneira iniciativa mediante a que facilitará á veciñanza en risco de pobreza enerxética madeira gratuíta coa que quentar os seus fogares nestas datas.

Esta medida, que parte da área de Xustiza Social do concello, está destinada a familias que se atopen en situación de precariedade económica e se vexan na imposibilidade de abastecerse de leña por medios propios. O concello dispón inicialmente dunha cantidade de leña suficiente, obtida das limpezas forestais realizadas polas cuadrillas de traballadores municipais durante os últimos meses.

A iniciativa, anunciada xa no seu día no programa de goberno da actual lexislatura, revelouse agora absolutamente necesaria por mor das baixas temperaturas, que foron aproveitadas polas compañías eléctricas para aprobar unha suba completamente abusiva da tarifa eléctrica, con impunidade absoluta e a total condescendencia dos gobernos autonómico e estatal. Coa posta en marcha desta medida o goberno local agarda paliar o efecto que estas subas puideran provocar á veciñanza que xa o está a pasar mal e que poida ver as súas circunstancias incluso agravadas.

O goberno xa adoptou as medidas necesarias para regular este novo servizo que Carnota comezará a prestar á súa veciñanza de inmediato. As persoas que reúnan os requisitos socioeconómicos poderán dirixirse ao departamento de Servizos Sociais a partir da publicación do bando para solicitar beneficiarse desta iniciativa pioneira en Galiza, e que o goberno municipal agarda que axiña se faga extensivo a outros municipios para combatir a pobreza enerxética desde a institución máis próxima ao pobo.

Desde o Concello de Carnota tamén queremos aproveitar este anuncio para facer un chamamento público a Comunidades de Montes e demais entidades sociais e veciñais para que colaboren con esta medida proporcionando leña ou madeira que non aproveiten (como restos de limpezas forestais ou de fincas), e que desta maneira contribúan a erradicar a pobreza enerxética da nosa veciñanza. 

25 de xaneiro de 2017 | 17:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.