publicidade hoxe

Catro novos concellos adhírense á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA PastorizaCervantesCoirósGaliciaLocal PortadaPortada esquerdaTeo
A-
A+
Beatriz Mato na sinatura do convenio. Foto: X. Crespo

Beatriz Mato na sinatura do convenio. Foto: X. Crespo

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, ratificou esta mañá os convenios de adhesión á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística dos concellos de Coirós, Teo, Cervantes e A Pastoriza. Así, o número total de concellos que teñen delegadas as competencias son 66. O que se traduce nunha superficie de máis de 5.000 km2, nos que viven case 350.000 persoas.

A conselleira de Medio Ambiente adiantou que un dos retos para a actual lexislatura é seguir medrando, polo que apostou por trasladar aos rexedores municipais os beneficios de estar adheridos á APLU. Recordou que a finalidade última da APLU é velar polo uso racional do solo conforme á normativa urbanística, polo que afirmou que “é fundamental” a colaboración e coordinación entre administracións con competencias urbanísticas.

Mato Otero sinalou que coa adhesión, un proceso voluntario, os concellos ceden as súas competencias en favor da APLU, para que sexa esta a que dun modo obxectivo e eficaz protexa a paisaxe da Comunidade; tal e como hoxe formalizan os concellos de Coirós, Teo, Cervantes e A Pastoriza.

A conselleira lembrou que a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística é un ente público de natureza consorcial que ten encomendada a función de control e disciplina urbanística en Galicia. As súas principais actuacións son a asistencia técnica e xurídica aos concellos adheridos e a formación e concienciación cidadá, co fin de que os operadores xurídicos e técnicos, así como a cidadanía en xeral, estean formados en valores proteccionistas do noso patrimonio natural. Tamén se inclúe a tramitación de expedientes de reposición da legalidade urbanística e sancionadores, e a protección da servidume de protección do dominio público marítimo terrestre.

As cifras dos concellos adheridos

O número total de concellos adheridos á APLU ascende a 66, co seguinte reparto provincial: 24 na Coruña 20 na de Ourense, na provincia de Lugo 11 e outros 11 na de Pontevedra. En total suman suman 5.269 quilómetros cadrados, o que se traduce nun 17% da superficie total de Galicia (1.787 Km2 na provincia da Coruña, 1.592 Km2 na de Lugo, 1.243 Km2 en Ourense e 647 Km2 en Pontevedra).

En relación co número de habitantes, os 66 concellos adheridos á APLU suman un total de 344.827 habitantes, estando a provincia da Coruña na cabeza con 162.861, 30.221 na de Lugo, 58.687 na provincia de Ourense e 93.058 na de Pontevedra. É dicir, un 12,6% da poboación total de Galicia.

17 de xaneiro de 2017 | 16:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.