publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Detidos oito cidadáns colombianos que ían pasar droga en Sada a cinco narcos galegos que tamén foron detidos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaOleirosOurensePontevedraPortada esquerdaSadaSucesos
A-
A+
Europa Press

Axentes da Garda Civil e da Policía Nacional detiveron a 13 membros de dúas organizacións criminais vinculadas ao narcotráfico e con ramificacións internacionais, asentadas en Galicia e Madrid. Trátase de oito cidadáns colombianos que ían facer un pase de droga a cinco narcos galegos en Sada (A Coruña).

Segundo informou o Instituto Armado, no operativo foron arrestados cinco presuntos narcotraficantes galegos e oito asaltantes de nacionalidade colombiana antes de materializar na localidade coruñesa de Sada unha suposta “gran operación de compra venda de droga” investigada desde xuño do ano pasado.

Tras esta suposta transacción ocultábase tamén un intento de extorsión da banda suramericana, especializada en roubos a narcotraficantes en toda Europa, segundo sostiveron as mesmas fontes.

As detencións producíronse cando os cidadáns colombianos ían realizar o suposto intercambio da droga que traían desde Madrid a Sada, onde se presumía que ía ser adquirida polo grupo galego.

De forma simultánea a Unidade Especial de Intervención da Garda Civil e o Grupo de Operacións Especiais de Seguridade da Xefatura Superior de Policía de Galicia procederon á detención da totalidade dos investigados. A UEI da Garda Civil asaltou unha vivenda situada neste municipio coruñés e detivo a cinco persoas, mentres que pola súa banda o GOES da Policía Nacional realizou as detencións de oito persoas, que foron practicadas nun establecemento público da localidade coruñesa de Oleiros.

Os cidadáns colombianos pretendían roubar o diñeiro que os narcos galegos traían para realizar a compra dunha importante cantidade droga que supostamente estes ían vender, segundo indican as mesmas fontes.

POSIBLE SECUESTRO

Proba diso son os pasamontañas e as bridas intervidas no momento das detencións e que se presume ían empregarse para un posible secuestro que facilitase a obtención da totalidade do metálico previsto para a transacción.

Posteriormente practicáronse oito rexistros domiciliarios na Coruña, Pontevedra, Ourense e Madrid, onde se interviñeron un quilogramo de heroína, outro de cocaína e un máis de metanfetamina, ademais dunha pequena cantidade de haxix, sustancias de corte, unha arma curta, seis vehículos, a maioría de gama alta, diverso material informático e 30.000 euros en metálico.

LABORATORIO

Nun dos domicilios da provincia de Pontevedra localizouse un laboratorio de adulteración das sustancias estupefacientes e interveuse un quilogramo de metanfetamina, unha prensa, unha envasadora, unha báscula de precisión, numerosos envases para gardar a droga, así como sustancias de corte e un selo para marcar a procedencia do estupefaciente.

A Garda Civil resaltou o “perigo da organización” criminal de colombianos debido “á violencia que imprimían aos seus socios”. “Precédelles a súa actuación por toda a xeografía española realizando volcos tanto de mercadoría como de diñeiro”, abundaron.

Así, sinalaron que se tivo coñecemento de posibles golpes deste grupo en Barcelona, Illas Canarias, Madrid, Galicia, e mesmo en Holanda, onde tiveron un episodio de tiroteos e secuestros con organizacións rivais.

O operativo conxunto foi realizado por axentes pertencentes ás comandancias da Garda Civil de Pontevedra e A Coruña, así como á UDYCO A Coruña e ao Grupo de Estupefacientes de Santiago de Compostela, ambos da Policía Nacional, baixo a dirección do Xulgado de Instrución Número 2 de Pontevedra. A operación continúa aberta co que non se descartan novas actuacións.

15 de decembro de 2016 | 10:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.