A Garda Civil intercepta 325 libros de licor ilegal que se distribuía en locais de Bergantiños
Axentes da Garda Civil interceptaron un total de 325 litros de alcohol de procedencia ilícita que se distribuía en locais de ocio da zona de Bergantiños (A Coruña).
Segundo informou o corpo, a ‘Operación Chupito’ iniciouse hai unha semana, cando a Patrulla Fiscal e de Fronteiras de Vimianzo tivo coñecemento da existencia de partidas de licor que carecían de precintos e marcas fiscais. A investigación levounos a identificar un distribuidor que operaba na zona de Bergantiños-Soneira e que trataba de evitar os controis fiscais e sanitarios.
A raíz das investigacións practicadas puidéronse intervir diferentes partidas de licor ilegal en establecementos hostaleiros de Laxe, Vimianzo, Cabana de Bergantiños e Ponteceso.
Finalmente, este martes interceptouse o distribuidor na localidade de Arteixo, mentres transportaba nun vehículo 36 garrafas de cinco litros, 14 garrafas de tres litros e 68 botellas con colocación indebida de precintos.
Os axentes puxeron a mercadoría a disposición da Alfándega de A Coruña e abriron un expediente administrativo en contra do distribuidor e daqueles locais que terían despachado o produto de xeito ilícito.