publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Ángeles Vázquez reúnese cos alcaldes dos municipios ourensanos afectados polo lume

Ángeles Vázquez na reunión cos rexedores

Ángeles Vázquez na reunión cos rexedores

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reuniuse esta mañá cos alcaldes de Avión e a Pobra de Trives, Antonio Montero e Francisco José Fernández, para analizar as consecuencias dos lumes que afectaron aos seus municipios no mes de agosto e onde foi preciso decretar como medida preventiva a situación 2. No encontro tamén estivo presente o directo xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández-Couto. Xuntos mantiveron unha reunión de traballo para valorar que actuacións se poden levar a cabo para rexenerar o monte e recuperar os bens afectados.

Ángeles Vázquez anunciou que o decreto de emerxencias que permitirá paliar os danos producidos nesta vaga de incendios irá en breve a Consello da Xunta, co obxectivo de comezar canto antes a traballar. As achegas virán de fondos de Vicepresidencia, Facenda, Medio Ambiente e Medio Rural. Desta última consellería, sinalou a titular, depende a repoboación dos montes, así como as ordes de axudas para que a capa vexetal do monte non quede desprotexida ante as choivas do inverno, mentres que o resto de consellerías faranse cargo de sufragar o arranxo dos danos producidos nas infraestruturas, así como axudas aos afectados.

Con esta xuntanza remata a rolda de reunións de traballo previstas pola Consellería do Medio Rural cos concellos afectados polos lumes forestais nos que se declarou a situación 2 na última vaga de incendios, co fin de valorar os danos e planificar as actuacións. A esta lista sumábase onte o concello de Verín, e co seu alcalde tamén falou Ángeles Vázquez co obxectivo de que este lle trasladase as súas inquedanzas.

Doutra banda, a conselleira apelou tamén a que os causantes destes sinistros paguen polos danos provocados, en referencia á persoa detida como presunta autora do lume de A Pobra de Trives. Neste senso fixo un chamamento á cidadanía en favor da tolerancia cero cos incendiarios.

29 de agosto de 2016 | 16:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.