publicidade hoxe

O DOG publica o inicio da información pública dos proxectos de construción de dúas sendas peonís e ciclistas na estrada Catabois-Valdoviño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNarón
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) os anuncios polos que se someten a información pública os proxectos de construción de itinerarios peonís e ciclistas na estrada AC-116, en dous treitos diferentes.

O prazo para a presentación de alegacións vai dende mañá ata o vindeiro 5 de setembro. Nos seguintes enlaces ao DOG pódese consultar información relativa aos dous anuncios: http://goo.gl/vl6QH9 e http://goo.gl/1TGgsI

Un dos itinerarios está comprendido entre Río do Pozo e a estrada AC-114, entre os PK 4+120 e 6+500, integramente no Concello de Narón.

Este proxecto contempla unha senda pola marxe dereita da estrada que permitirá completar un itinerario peonil continuo entre o PK 4+120 (intersección ao Polígono de Río do Pozo) e o PK 6+500, situado ao final da travesía de Cruceiro.

A senda de nova execución terá unha lonxitude de 2,57 km. Na travesía de Cruceiro conservarase a beirarrúa existente entre os PK 6+170 e 6+360, que será reparada nos puntos que o precisen e limpada.

A sección tipo terá, salvo en puntos localizados nos que as edificacións existentes non o permitan, un ancho mínimo de 2 metros contará con cuneta e cunha banda vexetal de separación da calzada de 0,5 metros.

O outro itinerario peonil e ciclista vai dende a estrada AC-114 a Meirás, entre os PK 6+500 e 9+270. Executarase unha senda pola marxe dereita da estrada que permitirá completar un itinerario peonil continuo entre as travesías de Cruceiro (PK 6+500), pertencente ao Concello de Narón, e Lago (12+360, punto final da estrada), situada no de Valdoviño.

A actuación complementa ademais á definida no proxecto do itinerario peonil e ciclista na AC-116, no treito Río do Pozo – AC-114, que á súa vez completará o itinerario para peóns entre os PK 4+120 (intersección coa estrada provincial ao polígono de Río do Pozo, situada en Quinta) e 6+500.

A beirarrúa de Canteiros e os primeiros 140 metros da de Meirás demoleranse, as primeiras para acadar maior continuidade na solución e as segundas polo seu reducido ancho.

A sección tipo permitirá a circulación de peóns e ciclistas e constará de carril para uso de bicicletas de 0,9 metros máis zona para uso peonil de 1,8 metros de ancho mínimo. No tramo comprendido entre o PK 9+440 e o 10+420 executarase ademais unha banda vexetal de separación da calzada de 0,5 metros.

Ademais, reformarase a intersección existente no acceso á lagoa de Frouxeira (PK 12+050), eliminando parcialmente o carril central de espera para xiro á esquerda, para executar un paso de peóns e dar prioridade á circulación peonil. Os vehículos poderán xirar na glorieta existente a 300 metros, no PK 12+360.

29 de xullo de 2016 | 17:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.